Por Manoel da costa
A celebración da noite de San Xoán, é coma tantas outras festas do calendario cristián, unha cristianización dos ritos ancestrais vencellados ao solsticio de verán do hemisferio norte, é dicir, cando, tras o día máis longo do ano o sol empeza a decaer e os días comezan a acurtarse. Algúns din que o sol baila, coma reflicte a cántiga popular que recollera Manuel Murguía:
Madrugada de San Xoán,
madrugada a máis garrida,
que baila o sol cando nace
e ri cando morre o día.
Con todo, as datas de San Juan e do solsticio non coinciden: a primeira celébrase a noite do 23 ao 24 de xuño mentres o solsticio producirase ás 10:07 horas UTC do vindeiro día 21, momento no que oficialmente comezará o verán. Os textos sacros din que Zacarías mandou acender unha fogueira para anunciar aos catro ventos o nacemento do seu fillo Juan, pero as fogueira de San Xoán, por seguilas chamando con ese nome, non teñen nada que ver con tal efeméride, senón que representan a unión coas forzas do feminino, a terra, a noite, o poder de procrear, etc.
Fogueiras cacharelas, cachadas, cachelas ou lumeiradas
Do mesmo xeito que no solsticio de inverno acendemos un Lume Novo, arredor do que desenvolveremos unha xeira de rituais, moi variables ao longo de toda Galicia, pero que teñen algúns elementos comúns que pasamos a describir.
- Trátase dunha tarefa colectiva: ao longo dos días previos á celebración, os mozos da veciñanza van amoreando material combustible nalgún lugar aberto e de paso público.
- No comezo da noite, préndese o lume e comeza a festa. Cómense sardiñas á grella e pan de millo, (polo San Xoán a sardiña molla o pan) bébese fundamentalmente viño, e mozos e mozas cantan e bailan ao redor da fogueira.
- Cando a fogueira está practicamente consumida, e as lapas son practicamente inexistentes ou moi pequenas, os que queren pedir algún desexo para mellorar a súa sorte no período do ano que agora comeza, saltan riba da fogueira un número impar de veces, tres sete o nove nos mais dos lugares de Galicia, mentres cantan os sanxoáns, como o que reproducimos:
Salto por riba
do lume de san Xoán,
para que non me morda
cadela nin can
nin bicho vivinte
que ande polo chan.
A auga de sandar
Moitas lendas e crenzas están asociadas na nosa cultura á auga e o seu poder salutífero. Esta noite do solsticio de verán as propiedades máxicas das augas son aínda maiores que as que poida ter no resto do ano, e aínda pódense atopar na flor da auga, a tona ou capa máis superficial de calquera fonte ou estanque. Nesta noite de san Xoán, a flor da auga transmite as súas propiedades de aúde e beleza ás mozas que laven a cara con esas augas.
Día de san Xoán, alegre
meniña, vaite lavar,
pillarás auga do paxaro
antes de que o sol raiar.
Algunhas tradicións salientan tamén o poder desta flor da auga para esconxura-las meigas. Como recolle Xosé María Castroviejo:
Se arraiar,
se arraiará
tódalas meigas levará;
xa arraiou,
xa arraiou,
tódalas meigas levou.
Cando unha moza colle a flor da auga deixa na fonte ou manancial unha rama para indicar tal circunstancia, de xeito que cando chegue outra moza á fonte e a vexa enramada, vaia a buscar outra que aínda conserve as propiedades buscadas, de xeito que non resulta estraño que a que non madrugue atope enramadas tódalas fontes da contorna.
As herbas de sanxoán
As mesmas propiedades descritas para a flor da auga, e aínda potenciadas polo poder salutífero das plantas, aparecen, segundo estas tradicións que estamos a describir, no orballo da noite de san Xoán. A tradición manda, para facer o cacho, que é como se coñece este proceso, recoller a auga de sete (número máxico) fontes nun recipiente máis ancho ca fondo, coma unha almofía, e deitar nela as tamén sete herbas medicinais. Compre deixar o cacho, a almofía coa sete augas e as sete herbas ao relente para que lle caia o orballo durante a noite. Algunha tradicións mandan colocar cardos ou silveiras riba do cacho para evitar que o diaño cague nel. Con este auga lavaremos a cara ollando cara ao oriente, para recibir as primeiras raiolas do sol.
No canto de cales son as herbas concretas que se poden utilizar, compre sinalar que cada lugar da nosa terra ten a súa propia receita. No que si coinciden tódalas tradición é no número: sete herbas diferentes.
Taboada Chivite recolle unha longa relación, entre as que están:
- FIÚNCHO ou HERBA DE OBRIGA, corre os maos espíritos e é especial contra o mal de ollo. Como menciña é efectiva contra as inflamacións de ollos, a asma e as más dixestións.
- FENTO MACHO, é un fento velenoso. En xeral é un antiparasitario, era moi apreciado contra as tenias. As lendas galegas e británicas din que pola noite de san Xoán bota flor; xustamente a medianoite.
- CODESO, é un arbusto sagrado para os galegos. É tóxica para o gando. Utilizábase para facer lume, e como é unha Genisteae (tribo á que tamén pertencen as xestas) utilizábase para facer vasoiras e varrer a casa dos maos espíritos.
- ABELOURA ou HERBA DE SAN XOAN. Empregábase na menciña tradicional coma cicatrizante, adstrinxente e antiséptica. O refraneiro di que "A herba de san Xoán limpa a cara de grans". Está considerada como unha planta especial contra o demo.
- MALVA, serve contra a bronquite, afeccións dixestivas, nervios etc. O refrán di "Cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar".
- ROMEU. Aínda que bravo non abunda en Galiza, empregábase na menciña tradicional contra a reuma, a artrite, trastornos do sistema circulatorio, depresión, dores de gorxa etc. Crese que o romeu realmente é a herba que protexe e purifica os fogares galegos por excelencia.
- HERBA LUÍSA, de orixe americana, empregouse en Galiza coma medicinal dende que chegou das Américas. É moi boa para as dores de estómago e barriga, gases e dores de cabeza. É tamén unha herba especial para os amoríos. Asóciase coas troulas e esmorgas.
Estas son as mais comúns pero tamén se empregan coma herbas de san Xoán a dedaleira ou estraloque, o trobisco, a espadana, a artemisa, macela ou matricaria, a herba punteira ou sempreviva dos tellados e a roseira brava. Outros engaden follas dos árbores considerados tradicionalmente sagrados, coma o sabugueiro, o visgo, o carballo, a nogueira, o amieiro, e aínda a hedra, considerada planta sagrada do calendario celta.
Máis información en:
- Guía da Galiza máxica, mítica e lendaria, de Víctor Vaqueiro.
- ETNOGRAFÍA GALEGA. Cultura espiritual de Xesús Taboada Chivite.
- ETNOGRAFÍA CULTURAL DE GALCIA. Carmelo Lisón Tolosana.
Recursos na rede: