Páginas

Mostrando entradas con la etiqueta Vigo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Vigo. Mostrar todas las entradas

sábado, 7 de abril de 2018

AS DÚAS CARAS DA RECONQUISTA DE VIGO


Por Manoel da costa




Unhas tomas falsas

Fai un par de anos, un fato de entusiastas da Asociación participamosna rodaxe dunha película muda ideada por Edu Campos, dirixida por Miguel Souto e producida por O FIADEIRO. Nunha das fases de rodaxe a cámara quedou filmando e deu lugar a un pequeno vídeo que din en, titular Tomas falsas 1, convencido que ía haber dous e tres. Nese vídeo tres borrachos parolan do alzamento contra os franceses. Nun intre escóitase dicir a un dos borrachos: "vai un análise político, moi polo miúdo da situasión..." E logo dando coa man riba da tapa do barril que lle serve de mesa: "imos discutir agora si efectivamente aos franceses debemos de bota-los ou non". A cousa queda aí porque entra Saturnino para dicirlles que a cámara segue gravando.

Pero o borracho que reclama unha interpretación mais acaída aos feitos está só na súa reivindicación. Á xente do común o que lle interesade verdade da Festa da Reconquista é precisamente a festa, a música, o baile, os postos do comercio e do bebercio, e, sendo un pouco optimistas os postos de artesanía, os contacontos, e as conferencias de etnografía. E pouco, por non dicir nada, a precisión histórica.

O contexto histórico: relato oficial

Porque, coma xa teredes adiviñado hai dous relatos ben diferenciados dos acontecementos do 28 de marzo de 1809. Lembremos que no contexto da chamada Guerra da Independencia española a principios de 1809, Napoleón ordena ao mariscal Jean de Dieu Soult, destruír ao exército británico do xeneral John Moore e iniciar a marcha sobre Portugal. Fracasa na primeira delas porque se ben derrota e da morte a Moore na batalla de Elviña e toma a cidade da Coruña, non pode empecer que o groso do exército inglés consiga embarcar e poñerse a salvo. Tras diso, Soult inicia o camiño cara a Portugal.

O 31 de xaneiro, os franceses chegaron ós arredores de Vigo, ocupando obarrio do Areal. Juan de Villacencio, capitán de navío retirado e gobernador militar da praza, decidiu renderse pacificamente e deixalos entrar na cidade para evitar un inútil derramamento de sangue. Soult deixa en Vigo unha pequena guarnición ao mando do comandante de escuadrón Jacques Antoine Chalot e continúa co groso do exércitocara Portugal.

A partires deste punto comezan as grandes diferenzas entre os dous relatos. No discurso oficial, base da representación teatral que se celebra en diversos puntos do Casco Vello, os vigueses, e viguesas, encabezados e encabezadas polos militares Pablo Morillo e Bernardo González “Cachamuíña” conseguiron expulsar aos galos da vila,converténdose na primeira de Europa en acadalo, feito polo que Fernando VII “O Desexado "[1] outorgou en 1910 a Vigo o título de cidade "fiel, leal e valorosa."



O Exército Napoleónico


O relato oculto

No relato alternativo, froito da moderna historiografía, pouco antes da presenza das tropas de Napoleón en Vigo, o poder municipal estaba en mans da burguesía ilustrada, José Antonio Alonso Cairo, Buenaventura Marco Do Pont, etc., que intentaban poñer as bases dun estado moderno con separación de poderes e independente da influencia do clero. Pero o poder absolutista non ía permitir que aqueles aos que chamaban afrancesados foran a apartar ao pobo do seu control e por iso aconteceu que as autoridades locais co comandante militar provincial, o brigadier Francisco A Rocque, foron acusadas de conivencia co inimigo e encerrados no Castelo Do Castro.

Por iso, aínda que calquera ocasión e boa para facer unha festa, o certo é que na "Reconquista de Vigo" estaban, ademais do pobo, algúns dos personaxes máis carcas e escurantistas, como Pablo Morillo e certos abades párrocos, que defendían o trono do rei Fernando VII e o poderoso armazón relixioso.

Máis información en:
Historia dospuntocero.com: La Reconquista de Vigo. Museo de Vigo: Reconquista (pdf) Atlántico Diario: La Reconquista, una serie de mentiras.

Nota [1]: desexado pero non polas mulleres porque Fernando VII padecía macrosomía xenital, é dicir, as dimensións do seu membro viril eran moi superiores á media.

viernes, 6 de octubre de 2017

O Pergamiño Vindel en Vigo

Por Manoel da costa



Unha xoia do galaico-portugués

Coma xa sabedes polo diversos medios de comunicación o Pergamiño Vindel, a xoia da poesía e a música galaico/portuguesa, chegou a Vigo estes días prestado á Universidade de Vigo pola Morgan Library Museum para ser exposto ata o mes de marzo do 2018 no Museo do Mar de Vigo.

A importancia deste pergamiño de 34 x 45 cm, escrito por unha soa cara a catro columnas, co texto de sete cancións de amigo compostas polo trobador Martín Códax e as notacións de seis delas, para a cultura en xeral e a galega en particular, é enorme. En primeiro lugar porque, xunto co moi deteriorado Pergamiño Sharrer, con tamén sete cantigas de amor compostas polo rei don Dinís de Portugal, conservado na Torre do Tombo en Lisboa, é o único documento da lírica profana galaico-portuguesa que inclúe a notación musical das cantigas, que non debemos esquecer, estaban pensadas para ser cantadas en público.


O pergamiño Starrer


Un descubremento sorprendente

A historia da descuberta deste pergamiño é, cando menos curiosa. Un comerciante de libros antigos, Pedro Vindel, o encontrou servindo de forro a un libro de Cicerón. O libreiro publicou a noticia do descubrimento na revista de febreiro de 1914, Arte Español. Pouco tempo despois o pergamiño desapareceu ata 1921, cando a viúva do diplomático e musicólogo Rafael Mitjana o puxo a venta. Despois de varias vicisitudes, o pergamiño acabou na Morgan Library Museum de Nova York, que fundara o banqueiro Pierpont Morgan. Este museo foi a quen a cedeu á Universidade de Vigo para esta exposición e este extremo, é dicir, que non fora unha entidade política, Concello, Diputación ou Xunta a institución organizadora, foi condición necesaria para que dita cesión fora autorizada.

Compre subliñar que a presenza do Pergamiño Vindel en Vigo vai a propiciar unha importantísima xeira de actos culturais arredor da lírica galaico-portuguesa. Non esquezamos que a ría de Vigo ten o privilexio de ser a patria de tres dos trobadores desta lírica: Mendinho, Xohán de Cangas e o propio Martín Códax, aos que dedicóuselles o Día de las Letras Galegas do ano 1998.


Mai información en: O Pergamino Vindel amosa unha cultura galega das máis potentes de Europa A exposición poderá visitarse dende o día 10 de presente mes de outubro ata marzo de 2018.

jueves, 23 de febrero de 2017

O ENTROIDO EN VIGO. DATOS PARA UNHA REFLEXIÓN


Por Manoel da costa



Vigo urbana e rural

Vigo é unha cidade grande, a mais poboada de Galicia e a décimo cuarta de España. Pero Vigo tamén son as súas parroquias, algunhas delas a medio camiño entre urbanas e rurais, e algunhas decididamente rurais. En orde alfabético, para non sinalar, lembramos as de Alcabre, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Freixeiro, Lavadores, Matamá, Navia, Oia, Sárdoma, Saians, Teis, Valadares e Zamáns; e as que foron parroquias coma Bouzas, Coia, Sampaio e San Xoán do Monte.

Alguén chamou a Vigo, non sen motivo, a cidade adolescente, polos seus problemas de crecemento urbano desordenado, motivado polo desenvolvemento industrial nas décadas de 1960 e 1970. A oferta laboral atraeu numerosa inmigración das zonas rurais de Galicia.

As dúas almas da cidade vense reflectidas nas manifestacións do Entroido. É de sinalar que no barrio do Berbés de Vigo se conserva a única figura tradicional do Entroido urbano galego: o Merdeiro, ao que dedicaremos un pequeno espazo.

Entroido igual a provocación

Se o Entroido non é provocador, transgresor, convértese en Carnaval, Batalla de Flores, Concurso de Disfraces, ou cousa semellante, pero xa non Entroido. Moitos dos mais afamados Entroidos galegos estanse a converter, a forza de declaracións de “festas de interese turístico nacional”, en desfiles folclóricos a maior gloria e beneficio da hostalería, pero cada día mais afastados do verdadeiro espírito que deulles orixe.

Historicamente a cultura popular está ligada ás festas. Un tempo e un espazo aberto á risa e a ledicia, á transgresión dos límites, ao grotesco a o obsceno. A música, a danza, a comida, os traxes e os roles; o universo enteiro ausente de sentido utilitario, de fin práctico; a festa coma camiño para acceder a un universo utópico, no que todo poder é burlado, todo o elevado rebaixado, todo o espiritual carnalizado e todo o sagrado profanado.

A festa do Entroido, resumía tódolos elementos lúdicos e festeiros das celebracións populares máis enraizadas no inconsciente colectivo da comunidade. Porén, a industria turística intenta transformar o Entroido nun artigo de consumo, roubándolle o seu sentido mítico, e o seu poder transgresor, facendo dos celebrantes pezas dun ritual sen sentido, e aos asistentes en observadores pasivos, dotados de teléfonos intelixentes cos que documentar axeitadamente nesta era da cultura visual, a súa presenza no espectáculo que non no rito.

Entroido igual a enchente

As festas en Galicia non se entenden sen unha boa paparota. E as festas do entroido non son unha excepción, mais ben a festa do Entroido inclúe necesariamente a idea de comer e beber ata rebentar, coma parte do exceso e provocación destas festas.

Probablemente son o cocido galego e o lacón con grelos os reis da gastronomía do Entroido, sen esquecer o caldo, os chourizos, orellas, cachuchas, bandullo, androllas e botelos e aínda o cabrito, pratos con sustancia abondo para repoñer as forzas de toda a festa destes días. As sobremesas destas datas con tamén especiais.

Non faltan nestas datas as sobremesas do entroido, de xeito especial as orellas de frade e as filloas, e tamén en algunha zonas as rosquillas, o tripón doce, e os melindres.

Entroido rural vs. carnaval vilego

Namentres o Entroido rural nace de ritos, personaxes, cantos, roupas e adobíos cuxa orixe pérdese no tempo, e a súa celebración responde a unha iniciativa dos veciños do lugar, o carnaval urbano, está organizado e apoiado pola Área de Festas e Turismo do Concello, aínda que se conte coa colaboración das Asociacións veciñais e culturais para a súa materialización. O Carnaval urbano procura o espectáculo, o colorido, a presenza pasiva de milleiros de espectadores que valoran moito mais o número e a riqueza das comparsas e carrozas do desfile que o mantemento dás tradicións propias do lugar. Os propios integrantes das comparsas están moito mais preocupados pola execución dos bailes e o lucimento e conservación da súa custosa vestimenta que de pasalo ben.

En resumo: o Carnaval Urbano é unha celebración programada e controlada, con horarios, circuítos, comezo e final das actividades, que ten a súa xustificación no fenómeno turístico, medindo o seu éxito o fracaso en función da ocupación hostaleira. Pola contra o Entroido rural e transgresión e dislocación da orde establecida.

Mecos, momos e ravachol

No Carnaval urbano, as festas comezan coa entronización dunha figura que personifica o entroido e que recibe diversos nomes, Momo na Coruña, a Micaela de Buño, o Felipiño do Barbanza, e en Vigo e o resto do sur de Galicia o Meco.

Nas aldeas e vilas organizábase o carro do entroido, que era un cortexo que levaba o boneco á súa queima, non sen ler antes un sermón ou testamento do entroido. Nas cidades galegas é mais adoitado celebrar o mércores de cinza o enterro da sardiña. Á noite sae a xente vestida de loito, en procesión para dar o seu derradeiro adeus á sardiña, que representa a diversión e a felicidade. En Vigo prodúcese a queima do Meco e en Pontevedra o "Loro Ravachol"[1] cuns rituais semellantes. Éntrase na coresma, nos corenta días de xaxún nos que os católicos teñen prohibido comer carne.

Os merdeiros

Finalizamos estas breves notas coa mención do personaxe por antonomasia do Entroido vigués: o Merdeiro. Di Xerardo F. Santomé, no seu libro editado pola A. X. A Revolta e A. VV. Casco Vello, en febreiro de 2006, “O Merdeiro: un personaxe do Entroido Vigués. Apuntamentos para a súa recuperación”:

“[...] Chegada a época do entroido, os mariñeiros da bisbarra de Vigo transformábanse en Merdeiros coa intención de expresar con máis forza as súas xenreiras para cos labregos. Para elo acostumaban vestirse ao xeito de Escabicheiros, (persoas do rural que recollían o escabiche e baleiraban os pozos negros da cidade para abonar os seus campos), ridiculizando aqueles elementos do traxe e aparellos máis significativos: o pucho, os símbolos e o farol. Asemade gustaban de exaxerar o seu comportamento social tremendamente anárquico. [...]!

Remitimos ao lector interesado no tema a lectura dos contidos da páxina da organización Asociación Etnográfica A Merdeira, formada pola Asociación Cultura y Veciñal do Casco Vello e o Centro Social de A Revolta: http://omerdeiro.org/.

Máis información

O Entroido en Galicia é unha das manifestacións culturais mais fortes do noso pais. Resulta practicamente imposible incluír a totalidade das páxinas WEB que contan con información de interese, polo que pedimos aos lectores interesados no tema ás súas achegas. Estas son as nosas:

https://oarqueologodenaron.wordpress.com/2015/02/13/dez-cosas-que-debes-saber-sobre-o-carnaval-antroido-entrudo-peliqueiros-pantallas-ursos-lobishomes/

https://asombradebouzapanda.wordpress.com/2012/02/16/uns-apuntamentos-sobre-o-entroido-galego/

http://anosacultura2.blogspot.com.es/2011/02/o-entroido-en-galicia.html

http://www.turismo.gal/que-facer/promocions-para-gozar-agora/o-entroido-en-galicia?langId=gl_ES

http://www.turismo.gal/docs/mdaw/mjg4/~edisp/turga288854.pdf

Os Merdeiros:

http://omerdeiro.org/

https://vimeo.com/59345611

http://www.xistra.info/merdeiro.html


Nota [1]: Ravachol era en realidade un papagaio, mascota de Perfecto Feijoo, moi mal falado e groseiro, que vivía na botica que este tiña na praza da Peregrina en Pontevedra. Morreu durante os carnavais de 1913 e foi enterrado con grandes honores en medio de un multitudinario duelo. Recibiu o seu nome do anarquista francés Ravachol, condenado a morte en 1892.

miércoles, 25 de mayo de 2016

miércoles, 2 de diciembre de 2015

Obradoiro Os bailes de Silvela (5, 6 e 8 de decembro de 2015)


Días do curso:

SÁBADO 5 de Decembro de 16.00 a 20.00
DOMINGO 6 de Decembro de 10.00 a 14.00
MARTES 8 de Decembro de 10.00 a 12.00

O obxectivo principal deste obradoiro será a aprendizaxe dunha muiñeira e dunha xota, ámbolos dous bailes recollidos no municipio de Silvela, pertencente ao concello de As Nogais, situado no medio das montañas orientais da provincia de Lugo. Tanto a recollida de estes bailes como a coreografía do baile é do arquivo etnográfico de A.C.F O Fiadeiro.
O obradoiro terá un carácter totalmente práctico, centrado en adquirir coñecementos sobre as particularidades coreográficas e as formas musicais propias deste concello. Para o desenvolvemento do mesmo os participantes deben ter nocións básicas de baile tradicional galego.

Lugar do curso: Colexio Lope de Vega

Prezo non soci@s: 50,00 euros
Prezo Soci@s: 42,00 euros

Prazas limitadas

É necesario ter nocións básicas de baile

Mestra: Noemí Rodríguez

Para anotarse chamade ó 629 585 355 ou no correo electrónico a ofiadeiro@ofiadeiro.com