Por Manoel da costa
Bailes. Danzas.
Aínda que na linguaxe común utilizamos as palabras baile e danza coma equivalentes, existe un consenso xeneralizado, tanto entre os estudosos da materia coma entre nos, simples afeccionados, de que ambas palabras conteñen elementos claramente diferenciados. O que xa non está tan claro é cales son estes elementos, polo que pensamos que podería ser interesante abrir un pequeno debate no blogue da Asociación, que para iso é Cultural a mais de Folclórica.
Definicións.
Iniciamos esta procura cunha consulta ao dicionario da RAG, que tampouco é que serva de moita axuda. Nel atopamos para a voz baile a seguinte definición:
Baile: Sucesión regulada de pasos ou saltos especialmente ao ritmo dunha música. O valse, o fandango e a muiñeira son bailes.
Mentres que para o significado de danza establece:
Danza: Conxunto de movementos que se executan seguindo o ritmo da música e que forman unha peza completa de baile. Así, podemos dicir que "actuou un grupo de danzas populares" ou podemos falar da "Danza dos sete veos".
Da análise destas definicións podería tirarse as conclusións seguintes:
- Que tanto o baile como a danza son un conxunto de movementos que se fanse seguindo o ritmo da música.
- Que o baile inclúe soamente os movementos dos pés: sucesión regulada de pasos ou saltos, mentres que a danza incluiría todo o corpo: conxunto de movementos.
- Que o baile é unha das partes da danza: conxunto de movementos seguindo o ritmo da música e que forman unha peza completa de baile.
Pode ser, pero na miña opinión, a explicación é mais sinxela: non foi o mesmo académico da lingua o que redactou ámbalas dúas entradas.
Para unha aproximación mais ampla recorreremos á Wikipedia, un recurso normalmente eficaz pero que depende moitísimo do redactor concreto que elaborou o contido, da amplitude das fontes utilizadas e o proceso de síntese deses fontes. Para darvos unha idea mais completa vos propoño que fagades a consulta en galego, portugués, castelán, francés e inglés. Observaredes as diferenzas entre os que uns e outros consideran relevante. Nos incluímos un pequeno resumo da versión inglesa e española.
Os elementos mais de relevo da versión inglesa son os seguintes:
- A danza é unha forma de arte escénica que consiste en secuencias de movemento humano seleccionadas á mantenta. Este movemento ten un valor estético e simbólico, recoñecido como baile por artistas e observadores dentro dunha cultura particular.
- A danza pode ser clasificada e descrita pola súa coreografía, polo seu repertorio de movementos, polo seu período histórico ou polo seu lugar de orixe.
- Débese facer unha distinción importante entre os contextos da danza teatral e danza de participación, aínda que estas dúas categorías non sempre están completamente separadas; ambos poden ter funcións especiais, xa sexan sociais, cerimoniais, competitiva , erótica , marciais ou sacras/litúrxicas.
- Ás veces dise que outras formas de movemento humano teñen unha calidade similar á do baile, que inclúe artes marciais , ximnasia, patinaxe artística, natación sincronizada, bandas de marcha, e moitas outras formas de atletismo.
Mentres que a versión española sinala:
- A danza ou o baile é unha arte onde se utiliza o movemento do corpo usualmente con música, como unha forma de expresión e de interacción social, con fins de entretemento, artísticos ou relixiosos.
- A danza é o movemento no espazo que se realiza cunha parte ou todo o corpo do executante, con certo compás ou ritmo como expresión de sentimentos individuais, ou de símbolos da cultura e a sociedade. Neste sentido, a danza tamén é unha forma de comunicación, xa que se usa a linguaxe non verbal entre os seres humanos, onde o bailarín ou bailarina expresa sentimentos e emocións a través dos seus movementos e xestos. Realízase maiormente con música, xa sexa unha canción, peza musical ou sons.
- A danza pódese bailar cun número variado de bailaríns, que vai desde facela en solitario, en parella ou grupos, pero o número polo xeral dependerá da danza que se vai a executar e tamén do seu obxectivo, e nalgúns casos máis estruturados, da idea do coreógrafo.
Conclusións
Danza e baile, pois, están intimamente relacionadas, de xeito que ás veces resulta difícil precisar onde está a fronteira entre unha e outro. Quizais o aspecto diferencial mais citado sexa o de reservar a voz baile para a actividade física consistente na realización de movementos do corpo con certo compás, pouco estruturado e cun grao de liberdade elevado, e danza para a mesma actividade mais estruturada e suxeita a unhas normas.
Menos consenso suscita outro aspecto. O feito de que o baile ten un propósito exclusivamente lúdico e de socialización, que cando se complementa e/ou substitúe con outros propósitos, cortexo, liturxia, arte, etc., fai que o baile pase, precisamente por eses contidos e coma resultado das necesarias transformacións para atender eses propósitos, da larva baile, á bolboreta danza.
Pero é hora de rematar, para que os lectores/bailadores podan enviar ás súas achegas. Para elo, cos vimbios expostos, e algúns mais de colleita propia, elaboramos o seguinte cadro comparativo, que agardamos vos serva para ordenar un pouco mais as semellanzas e diferenzas entre os dous conceptos.
| Baile | Danza |
Definición | Acto de realizar movementos con certo compás. Estes movementos implican fundamentalmente pés e pernas, e habitualmente mans e brazos. É unha forma natural de expresar ledicia. | Acto de realizar movementos con certo compás que seguen patróns específicos determinados, é dicir alta estruturación e un grao de liberdade reducido. |
Realización | Implica pouca estruturación e un grao de liberdade elevado. | A danza involucra un valor estético, unha mensaxe. Require estudios, dedicación e ensaios. Como manifestación artística está adaptada a uns certos canons estéticos e de vestimenta. A mensaxe é importante e forma parte da propia danza. |
Estructura | Baixa, salvo algúns bailes populares que teñen coreografías coñecidas pola maioría. | Alta. Citar o caso da danza contemporánea na que a improvisación pode formar parte dela. |
Outras | Non require dun adestramento técnico. Basta con coñecer o básico. Prevalece a espontaneidade por riba da rixidez dunha coreografía. | Adoita posuír un valor ritual. Involucra unha coreografía a maior parte do tempo. Comporta un alto grao de organización. Pode ser necesario levar unha vestimenta específica. |