Páginas

viernes, 16 de noviembre de 2018

Día Internacional do Patrimonio Mundial






O 16 de novembro de todos os anos a UNESCO lémbranos, co gallo da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial, a relevancia que ten a protección dos bens materiais e inmateriais das culturas como un xeito de enriquecemento identitario e unha salvagarda do enxoval espiritual de cada un dos pobos.

A ACF O Fiadeiro quérese unir a esta declaración de dereitos continuando coa recollida, estudo e divulgación do arquivo espiritual galego; empregándoo como un elemento de diálogo e entendemento interxeracional e internacional.

Defender o noso é defender a nosa posición nun mundo cada vez máis diverso e próximo.











jueves, 18 de octubre de 2018

De bailes e danzas


Por Manoel da costa



Bailes. Danzas.

Aínda que na linguaxe común utilizamos as palabras baile e danza coma equivalentes, existe un consenso xeneralizado, tanto entre os estudosos da materia coma entre nos, simples afeccionados, de que ambas palabras conteñen elementos claramente diferenciados. O que xa non está tan claro é cales son estes elementos, polo que pensamos que podería ser interesante abrir un pequeno debate no blogue da Asociación, que para iso é Cultural a mais de Folclórica.


Definicións.

Iniciamos esta procura cunha consulta ao dicionario da RAG, que tampouco é que serva de moita axuda. Nel atopamos para a voz baile a seguinte definición:

Baile: Sucesión regulada de pasos ou saltos especialmente ao ritmo dunha música. O valse, o fandango e a muiñeira son bailes.

Mentres que para o significado de danza establece:

Danza: Conxunto de movementos que se executan seguindo o ritmo da música e que forman unha peza completa de baile. Así, podemos dicir que "actuou un grupo de danzas populares" ou podemos falar da "Danza dos sete veos".

Da análise destas definicións podería tirarse as conclusións seguintes:

  1. Que tanto o baile como a danza son un conxunto de movementos que se fanse seguindo o ritmo da música.
  2. Que o baile inclúe soamente os movementos dos pés: sucesión regulada de pasos ou saltos, mentres que a danza incluiría todo o corpo: conxunto de movementos.
  3. Que o baile é unha das partes da danza: conxunto de movementos seguindo o ritmo da música e que forman unha peza completa de baile.

Pode ser, pero na miña opinión, a explicación é mais sinxela: non foi o mesmo académico da lingua o que redactou ámbalas dúas entradas.

Para unha aproximación mais ampla recorreremos á Wikipedia, un recurso normalmente eficaz pero que depende moitísimo do redactor concreto que elaborou o contido, da amplitude das fontes utilizadas e o proceso de síntese deses fontes. Para darvos unha idea mais completa vos propoño que fagades a consulta en galego, portugués, castelán, francés e inglés. Observaredes as diferenzas entre os que uns e outros consideran relevante. Nos incluímos un pequeno resumo da versión inglesa e española.

Os elementos mais de relevo da versión inglesa son os seguintes:

  1. A danza é unha forma de arte escénica que consiste en secuencias de movemento humano seleccionadas á mantenta. Este movemento ten un valor estético e simbólico, recoñecido como baile por artistas e observadores dentro dunha cultura particular.
  2. A danza pode ser clasificada e descrita pola súa coreografía, polo seu repertorio de movementos, polo seu período histórico ou polo seu lugar de orixe.
  3. Débese facer unha distinción importante entre os contextos da danza teatral e danza de participación, aínda que estas dúas categorías non sempre están completamente separadas; ambos poden ter funcións especiais, xa sexan sociais, cerimoniais, competitiva , erótica , marciais ou sacras/litúrxicas.
  4. Ás veces dise que outras formas de movemento humano teñen unha calidade similar á do baile, que inclúe artes marciais , ximnasia, patinaxe artística, natación sincronizada, bandas de marcha, e moitas outras formas de atletismo.

Mentres que a versión española sinala:

  1. A danza ou o baile é unha arte onde se utiliza o movemento do corpo usualmente con música, como unha forma de expresión e de interacción social, con fins de entretemento, artísticos ou relixiosos.
  2. A danza é o movemento no espazo que se realiza cunha parte ou todo o corpo do executante, con certo compás ou ritmo como expresión de sentimentos individuais, ou de símbolos da cultura e a sociedade. Neste sentido, a danza tamén é unha forma de comunicación, xa que se usa a linguaxe non verbal entre os seres humanos, onde o bailarín ou bailarina expresa sentimentos e emocións a través dos seus movementos e xestos. Realízase maiormente con música, xa sexa unha canción, peza musical ou sons.
  3. A danza pódese bailar cun número variado de bailaríns, que vai desde facela en solitario, en parella ou grupos, pero o número polo xeral dependerá da danza que se vai a executar e tamén do seu obxectivo, e nalgúns casos máis estruturados, da idea do coreógrafo.



Conclusións

Danza e baile, pois, están intimamente relacionadas, de xeito que ás veces resulta difícil precisar onde está a fronteira entre unha e outro. Quizais o aspecto diferencial mais citado sexa o de reservar a voz baile para a actividade física consistente na realización de movementos do corpo con certo compás, pouco estruturado e cun grao de liberdade elevado, e danza para a mesma actividade mais estruturada e suxeita a unhas normas.



Danza tradicional

Menos consenso suscita outro aspecto. O feito de que o baile ten un propósito exclusivamente lúdico e de socialización, que cando se complementa e/ou substitúe con outros propósitos, cortexo, liturxia, arte, etc., fai que o baile pase, precisamente por eses contidos e coma resultado das necesarias transformacións para atender eses propósitos, da larva baile, á bolboreta danza.

Pero é hora de rematar, para que os lectores/bailadores podan enviar ás súas achegas. Para elo, cos vimbios expostos, e algúns mais de colleita propia, elaboramos o seguinte cadro comparativo, que agardamos vos serva para ordenar un pouco mais as semellanzas e diferenzas entre os dous conceptos.



Baile Danza
Definición Acto de realizar movementos con certo compás.

Estes movementos implican fundamentalmente pés e pernas, e habitualmente mans e brazos.

É unha forma natural de expresar ledicia.
Acto de realizar movementos con certo compás que seguen patróns específicos determinados, é dicir alta estruturación e un grao de liberdade reducido.
Realización Implica pouca estruturación e un grao de liberdade elevado. A danza involucra un valor estético, unha mensaxe. Require estudios, dedicación e ensaios.

Como manifestación artística está adaptada a uns certos canons estéticos e de vestimenta. A mensaxe é importante e forma parte da propia danza.
Estructura Baixa, salvo algúns bailes populares que teñen coreografías coñecidas pola maioría. Alta. Citar o caso da danza contemporánea na que a improvisación pode formar parte dela.
Outras Non require dun adestramento técnico. Basta con coñecer o básico.

Prevalece a espontaneidade por riba da rixidez dunha coreografía.
Adoita posuír un valor ritual.

Involucra unha coreografía a maior parte do tempo.

Comporta un alto grao de organización.

Pode ser necesario levar unha vestimenta específica.

miércoles, 20 de junio de 2018

SOLSTICIO DE VERÁN OU NOITE DE SAN XOAN?


Por Manoel da costa




A celebración da noite de San Xoán, é coma tantas outras festas do calendario cristián, unha cristianización dos ritos ancestrais vencellados ao solsticio de verán do hemisferio norte, é dicir, cando, tras o día máis longo do ano o sol empeza a decaer e os días comezan a acurtarse. Algúns din que o sol baila, coma reflicte a cántiga popular que recollera Manuel Murguía:

Madrugada de San Xoán,
madrugada a máis garrida,
que baila o sol cando nace
e ri cando morre o día.

Con todo, as datas de San Juan e do solsticio non coinciden: a primeira celébrase a noite do 23 ao 24 de xuño mentres o solsticio producirase ás 10:07 horas UTC do vindeiro día 21, momento no que oficialmente comezará o verán. Os textos sacros din que Zacarías mandou acender unha fogueira para anunciar aos catro ventos o nacemento do seu fillo Juan, pero as fogueira de San Xoán, por seguilas chamando con ese nome, non teñen nada que ver con tal efeméride, senón que representan a unión coas forzas do feminino, a terra, a noite, o poder de procrear, etc.

Fogueiras cacharelas, cachadas, cachelas ou lumeiradas

Do mesmo xeito que no solsticio de inverno acendemos un Lume Novo, arredor do que desenvolveremos unha xeira de rituais, moi variables ao longo de toda Galicia, pero que teñen algúns elementos comúns que pasamos a describir.

  1. Trátase dunha tarefa colectiva: ao longo dos días previos á celebración, os mozos da veciñanza van amoreando material combustible nalgún lugar aberto e de paso público.
  2. No comezo da noite, préndese o lume e comeza a festa. Cómense sardiñas á grella e pan de millo, (polo San Xoán a sardiña molla o pan) bébese fundamentalmente viño, e mozos e mozas cantan e bailan ao redor da fogueira.
  3. Cando a fogueira está practicamente consumida, e as lapas son practicamente inexistentes ou moi pequenas, os que queren pedir algún desexo para mellorar a súa sorte no período do ano que agora comeza, saltan riba da fogueira un número impar de veces, tres sete o nove nos mais dos lugares de Galicia, mentres cantan os sanxoáns, como o que reproducimos:

Salto por riba
do lume de san Xoán,
para que non me morda
cadela nin can
nin bicho vivinte
que ande polo chan.

A auga de sandar

Moitas lendas e crenzas están asociadas na nosa cultura á auga e o seu poder salutífero. Esta noite do solsticio de verán as propiedades máxicas das augas son aínda maiores que as que poida ter no resto do ano, e aínda pódense atopar na flor da auga, a tona ou capa máis superficial de calquera fonte ou estanque. Nesta noite de san Xoán, a flor da auga transmite as súas propiedades de aúde e beleza ás mozas que laven a cara con esas augas.

Día de san Xoán, alegre
meniña, vaite lavar,
pillarás auga do paxaro
antes de que o sol raiar.



Auga


Algunhas tradicións salientan tamén o poder desta flor da auga para esconxura-las meigas. Como recolle Xosé María Castroviejo:

Se arraiar,
se arraiará
tódalas meigas levará;
xa arraiou,
xa arraiou,
tódalas meigas levou.

Cando unha moza colle a flor da auga deixa na fonte ou manancial unha rama para indicar tal circunstancia, de xeito que cando chegue outra moza á fonte e a vexa enramada, vaia a buscar outra que aínda conserve as propiedades buscadas, de xeito que non resulta estraño que a que non madrugue atope enramadas tódalas fontes da contorna.

As herbas de sanxoán

As mesmas propiedades descritas para a flor da auga, e aínda potenciadas polo poder salutífero das plantas, aparecen, segundo estas tradicións que estamos a describir, no orballo da noite de san Xoán. A tradición manda, para facer o cacho, que é como se coñece este proceso, recoller a auga de sete (número máxico) fontes nun recipiente máis ancho ca fondo, coma unha almofía, e deitar nela as tamén sete herbas medicinais. Compre deixar o cacho, a almofía coa sete augas e as sete herbas ao relente para que lle caia o orballo durante a noite. Algunha tradicións mandan colocar cardos ou silveiras riba do cacho para evitar que o diaño cague nel. Con este auga lavaremos a cara ollando cara ao oriente, para recibir as primeiras raiolas do sol.



Cacho de San Xoan


No canto de cales son as herbas concretas que se poden utilizar, compre sinalar que cada lugar da nosa terra ten a súa propia receita. No que si coinciden tódalas tradición é no número: sete herbas diferentes.

Taboada Chivite recolle unha longa relación, entre as que están:

  • FIÚNCHO ou HERBA DE OBRIGA, corre os maos espíritos e é especial contra o mal de ollo. Como menciña é efectiva contra as inflamacións de ollos, a asma e as más dixestións.
  • FENTO MACHO, é un fento velenoso. En xeral é un antiparasitario, era moi apreciado contra as tenias. As lendas galegas e británicas din que pola noite de san Xoán bota flor; xustamente a medianoite.
  • CODESO, é un arbusto sagrado para os galegos. É tóxica para o gando. Utilizábase para facer lume, e como é unha Genisteae (tribo á que tamén pertencen as xestas) utilizábase para facer vasoiras e varrer a casa dos maos espíritos.
  • ABELOURA ou HERBA DE SAN XOAN. Empregábase na menciña tradicional coma cicatrizante, adstrinxente e antiséptica. O refraneiro di que "A herba de san Xoán limpa a cara de grans". Está considerada como unha planta especial contra o demo.
  • MALVA, serve contra a bronquite, afeccións dixestivas, nervios etc. O refrán di "Cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar".
  • ROMEU. Aínda que bravo non abunda en Galiza, empregábase na menciña tradicional contra a reuma, a artrite, trastornos do sistema circulatorio, depresión, dores de gorxa etc. Crese que o romeu realmente é a herba que protexe e purifica os fogares galegos por excelencia.
  • HERBA LUÍSA, de orixe americana, empregouse en Galiza coma medicinal dende que chegou das Américas. É moi boa para as dores de estómago e barriga, gases e dores de cabeza. É tamén unha herba especial para os amoríos. Asóciase coas troulas e esmorgas.



As herbas de San Xoan


Estas son as mais comúns pero tamén se empregan coma herbas de san Xoán a dedaleira ou estraloque, o trobisco, a espadana, a artemisa, macela ou matricaria, a herba punteira ou sempreviva dos tellados e a roseira brava. Outros engaden follas dos árbores considerados tradicionalmente sagrados, coma o sabugueiro, o visgo, o carballo, a nogueira, o amieiro, e aínda a hedra, considerada planta sagrada do calendario celta.

Máis información en:

  • Guía da Galiza máxica, mítica e lendaria, de Víctor Vaqueiro.
  • ETNOGRAFÍA GALEGA. Cultura espiritual de Xesús Taboada Chivite.
  • ETNOGRAFÍA CULTURAL DE GALCIA. Carmelo Lisón Tolosana.

Recursos na rede:

sábado, 7 de abril de 2018

AS DÚAS CARAS DA RECONQUISTA DE VIGO


Por Manoel da costa




Unhas tomas falsas

Fai un par de anos, un fato de entusiastas da Asociación participamosna rodaxe dunha película muda ideada por Edu Campos, dirixida por Miguel Souto e producida por O FIADEIRO. Nunha das fases de rodaxe a cámara quedou filmando e deu lugar a un pequeno vídeo que din en, titular Tomas falsas 1, convencido que ía haber dous e tres. Nese vídeo tres borrachos parolan do alzamento contra os franceses. Nun intre escóitase dicir a un dos borrachos: "vai un análise político, moi polo miúdo da situasión..." E logo dando coa man riba da tapa do barril que lle serve de mesa: "imos discutir agora si efectivamente aos franceses debemos de bota-los ou non". A cousa queda aí porque entra Saturnino para dicirlles que a cámara segue gravando.

Pero o borracho que reclama unha interpretación mais acaída aos feitos está só na súa reivindicación. Á xente do común o que lle interesade verdade da Festa da Reconquista é precisamente a festa, a música, o baile, os postos do comercio e do bebercio, e, sendo un pouco optimistas os postos de artesanía, os contacontos, e as conferencias de etnografía. E pouco, por non dicir nada, a precisión histórica.

O contexto histórico: relato oficial

Porque, coma xa teredes adiviñado hai dous relatos ben diferenciados dos acontecementos do 28 de marzo de 1809. Lembremos que no contexto da chamada Guerra da Independencia española a principios de 1809, Napoleón ordena ao mariscal Jean de Dieu Soult, destruír ao exército británico do xeneral John Moore e iniciar a marcha sobre Portugal. Fracasa na primeira delas porque se ben derrota e da morte a Moore na batalla de Elviña e toma a cidade da Coruña, non pode empecer que o groso do exército inglés consiga embarcar e poñerse a salvo. Tras diso, Soult inicia o camiño cara a Portugal.

O 31 de xaneiro, os franceses chegaron ós arredores de Vigo, ocupando obarrio do Areal. Juan de Villacencio, capitán de navío retirado e gobernador militar da praza, decidiu renderse pacificamente e deixalos entrar na cidade para evitar un inútil derramamento de sangue. Soult deixa en Vigo unha pequena guarnición ao mando do comandante de escuadrón Jacques Antoine Chalot e continúa co groso do exércitocara Portugal.

A partires deste punto comezan as grandes diferenzas entre os dous relatos. No discurso oficial, base da representación teatral que se celebra en diversos puntos do Casco Vello, os vigueses, e viguesas, encabezados e encabezadas polos militares Pablo Morillo e Bernardo González “Cachamuíña” conseguiron expulsar aos galos da vila,converténdose na primeira de Europa en acadalo, feito polo que Fernando VII “O Desexado "[1] outorgou en 1910 a Vigo o título de cidade "fiel, leal e valorosa."



O Exército Napoleónico


O relato oculto

No relato alternativo, froito da moderna historiografía, pouco antes da presenza das tropas de Napoleón en Vigo, o poder municipal estaba en mans da burguesía ilustrada, José Antonio Alonso Cairo, Buenaventura Marco Do Pont, etc., que intentaban poñer as bases dun estado moderno con separación de poderes e independente da influencia do clero. Pero o poder absolutista non ía permitir que aqueles aos que chamaban afrancesados foran a apartar ao pobo do seu control e por iso aconteceu que as autoridades locais co comandante militar provincial, o brigadier Francisco A Rocque, foron acusadas de conivencia co inimigo e encerrados no Castelo Do Castro.

Por iso, aínda que calquera ocasión e boa para facer unha festa, o certo é que na "Reconquista de Vigo" estaban, ademais do pobo, algúns dos personaxes máis carcas e escurantistas, como Pablo Morillo e certos abades párrocos, que defendían o trono do rei Fernando VII e o poderoso armazón relixioso.

Máis información en:
Historia dospuntocero.com: La Reconquista de Vigo. Museo de Vigo: Reconquista (pdf) Atlántico Diario: La Reconquista, una serie de mentiras.

Nota [1]: desexado pero non polas mulleres porque Fernando VII padecía macrosomía xenital, é dicir, as dimensións do seu membro viril eran moi superiores á media.

lunes, 8 de enero de 2018

CANTOS DE NADAL: RONDALLAS E RANCHOS DE REIS


Por Manoel da costa



A fin do ciclo de nadal dos cantos de tradición popular teñen no sur da Galicia litoral[1] unha expresión propia de grande interese etnográfico: as rondallas e ranchos de Reis.

Como xa deixamos dito nunha publicación anterior, a tradición dos cantos populares do ciclo de nadal en Galicia comeza polas panxoliñas[2] de Nadal, continúa coas xaneiras, manueis e aninovos na noitevella, e remata cos cantares de reis ou aguinaldos para a a véspera desta data.

O costume de ir cantar estas pezas de xeito itinerante polas casas, solicitando o aguinaldo, é, en opinión dalgúns estudosos das festas de Nadal en Galicia, o feito diferencial da tradición galega, o aspecto que a entronca coas culturas labregas fortemente vencelladas aos cultos solares. Os ranchos e rondallas serían, para eses mesmos expertos, unha evolución dese costume da xente nova de xuntarse para pedir o aguinaldo dun xeito cada vez menos espontáneo e mais organizado.
Unha rondalla, consonte a dicionario da RAE, é un conxunto musical de instrumentos de corda. A rondalla coma tal ten as súas orixes nas bandas que tocaban en varias rexións do que hoxe consideramos España, no século XVI, e que, co tempo, derivaron en catro tipos distintos de grupos musicais:

  • As comparsas que tocaban en escenarios temas varios pero fundamentalmente de crítica social e de actualidade.
  • A tuna ou estudiantina, grupos de estudantes que utilizaban a súa habilidade musical para cubrir as súas necesidades.
  • A rondalla moderna, ese grupo de músicos de pulso e púa da definición do dicionario.
  • A murga, grupos de mozos que cantaban diante das casas pedindo o aguinaldo, normalmente acompañados dun grupo de músicos denominado charanga.

Estes últimos, a murga, como mozos que van de casa en casa pedindo o aguinaldo para facer a festa, parecen os verdadeiros antecesores das dúas manifestación da tradición galega, rondallas e ranchos, o de ir cantar reis e aguinaldos de xeito itinerante polas casas pedindo touciño, chourizos, ou calquera alimento pouco perecedoiro; e dependendo do axeitado do aguinaldo á opulencia da casa, botar unha peza de agradecemento ou de escarnio.


Ranchos de Reis de Salceda


Rondallas e Ranchos. Semellanzas e diferenzas

Aínda que Ranchos e Rondallas adoitan a figurar xuntos na meirande parte da documentación escrita que recolle estas manifestacións da cultura popular, na nosa opinión, discutible coma todas as opinións, ambas teñen orixes e evolucións fortemente diferentes en estrutura, vestimentas, instrumentación e repertorio musical. As propias denominacións parecen apuntar a tradicións diferentes, mais a España no caso das Rondallas, e mais a Portugal no dos Ranchos. Avala esta opinión o feito de que o termo rondalla non está recollido no dicionario da RAG nin no corpus lexicográfico da lingua galega, mentres que Rancho é unha agrupación folclórica portuguesa.

Se as semellanzas principais entre unha e outra agrupación son as explicadas antes, datas de realización, arredor da festa de reis; motivo, pedir o aguinaldo; e forma, de xeito itinerante con música e cancións, as principais diferenzas son a vestimenta, organización e repertorio.

Os compoñentes da rondalla galega visten, homes e mulleres, dun xeito uniformado; pantalóns escuros, camisa branca, capa da mesma color que os pantalóns con cintas multicolores e boina. Os compoñentes dos ranchos, pola contra, visten de xeito diferente homes e mulleres, os homes moi frecuentemente con pantalóns curtos por baixo do xeonllo e medias brancas, chaqueta e garabata, as mulleres con traxes moi semellantes aos das “Danzas brancas” mantelos, e alfaias a mancheas, e nos dous casos sombreiros cheos de perifoles e cachos de espellos que subliñan a súa conexión co culto solar.

A organización da rondalla galega, ten moito de formación militar, co seu capitán e os abandeirados ao fronte e os participantes desfilando rixidamente estruturados en ringleiras. Os que defenden a antigüidade desta formación suxiren que esta tradición pode proceder do encontro do costume de cantar polas casas para pedir o aguinaldo nestas datas coas levas de mozos que sangraron Galicia dende o século XVIII. Outros pensan que se trata de algo moito mais moderno que non vai mais aló de finais do XIX ou principios do XX, posto que o seu primeiro rexistro documental é de 1920.

Pola contra, a estrutura organizativa dos ranchos carece de calquera rixidez, e aínda o papel do que solicita permiso para cantar e recolle o aguinaldo pode ser asumido por calquera dos compoñentes do rancho.

No conxunto instrumental das primeiras rondallas galegas predominaban os instrumentos de corda pulsada, sinaladamente guitarras, bandurras e demais instrumentos de pulso e púa, e os de vento, nas primeira formacións sen gaita de fol, protagonista fundamental no dos ranchos.

Ámbalas dúas formacións comparten o protagonista principal da percusión: os charrascos, que dan, co seu característico chascarraschás, o son xenuíno destas formacións. Bombo, caixa, cunchiñas, e o resto de instrumentos de percusión que vimos en chamar cotidiáfonos ou “instrumentos pobres.

Para rematar esta análise dicir que as diferenzas no repertorio responden, moi en xeral, a esta diferenza de orixe, mais urbano ou vilego nas rondallas e mais popular nos ranchos, que fai que algunhas rondallas se atrevan, cun formidable resultado artístico, co Thunderstruck de AC/DC, namentres os ranchos teiman en manter a tradicional estrutura dos cantos de reis: permiso para cantar, canto e demanda do aguinaldo.


Rondalla Santa Eulalia de Mos


Final: un canto de reis tradicional

Os cantos populares de reis, por oposición aos cantos de orixe clerical, son o remate do ciclo de Nadal. Xuntábanse o grupo dos mozos da contorna que formaban o rancho para ir a cantar os reis polas casas. Queremos finalizar esta pequena achega ao tema de ranchos e rondallas cun exemplo deste canto, que comeza co saúdo ou petición de licenza para cantar:

Licenza pido señores,
se vostedes ma queren dar
para cantar estes reises
que imos escomezar.

O dono da casa daba a licenza cun "podedes" e os mozos comezaban a cantar deste xeito ou algo semellante:

Desexamos os reises
anque sexan poucos:
un touciño enteiro
e metade do outro.

Aquí hai mociñas
que gastan chaqueta
e que nos han dar
a cada un súa peseta.

Aquí hai mociños
que gastan sombreiro,
e que nos han dar
un pesiño enteiro.

Desexamos os reises
se nolos han dar,
que somos de lonxe
e hai moito que andar.

Se o dono da casa era rumboso invitaba aos mozos a entrar na casa e tomar unha copa de caña ou algún petisco. Recibido o aguinaldo botábase a cantiga de aguinaldo ou de despedida, que podía dicir algo coma:

Queden con Deus meus señores
ata o ano que volvamos.
Se é que acaso non volvemos
Que no ceo nos vexamos

Pero se o grupo consideraba que o aguinaldo era ruín para a riqueza da casa a estrofa anterior era substituída por unha cantiga coma esta:

Cantámosche os reises
guedellos de cabra.
Cantámosche os reises
e non nos deches nada.

Nos somos os reises
do quiquiriquí,
se non nos dás nada
cagámosche aquí.

E nada mais por hoxe. Esperamos que tiverades unhas moi boas festas... e grazas polo bo aguinaldo!





Nota [1]: Ranchos e rondallas teñen unha mesma distribución: as comarcas de Condado e Vigo: ranchos nas mais rurais e rondallas en Redondela, Mos, Porriño, Gondomar, Nigrán e Vigo.

Nota [2]: Como xa dixeramos na publicación citada, reservamos a denominación de villancico ou vilancico para “as pezas en lingua vulgar que se cantan nas igrexas, con textos populares ou poemas de autor, e que se usan na liturxia das festas principais en xeral”.