Por Manoel da costa
A fin do ciclo de nadal dos cantos de tradición popular teñen no sur da Galicia litoral[1] unha expresión propia de grande interese etnográfico: as rondallas e ranchos de Reis.
Como xa deixamos dito nunha publicación anterior, a tradición dos cantos populares do ciclo de nadal en Galicia comeza polas panxoliñas[2] de Nadal, continúa coas xaneiras, manueis e aninovos na noitevella, e remata cos cantares de reis ou aguinaldos para a a véspera desta data.
O costume de ir cantar estas pezas de xeito itinerante polas casas, solicitando o aguinaldo, é, en opinión dalgúns estudosos das festas de Nadal en Galicia, o feito diferencial da tradición galega, o aspecto que a entronca coas culturas labregas fortemente vencelladas aos cultos solares. Os ranchos e rondallas serían, para eses mesmos expertos, unha evolución dese costume da xente nova de xuntarse para pedir o aguinaldo dun xeito cada vez menos espontáneo e mais organizado.
Unha rondalla, consonte a dicionario da RAE, é un conxunto musical de instrumentos de corda. A rondalla coma tal ten as súas orixes nas bandas que tocaban en varias rexións do que hoxe consideramos España, no século XVI, e que, co tempo, derivaron en catro tipos distintos de grupos musicais:
- As comparsas que tocaban en escenarios temas varios pero fundamentalmente de crítica social e de actualidade.
- A tuna ou estudiantina, grupos de estudantes que utilizaban a súa habilidade musical para cubrir as súas necesidades.
- A rondalla moderna, ese grupo de músicos de pulso e púa da definición do dicionario.
- A murga, grupos de mozos que cantaban diante das casas pedindo o aguinaldo, normalmente acompañados dun grupo de músicos denominado charanga.
Estes últimos, a murga, como mozos que van de casa en casa pedindo o aguinaldo para facer a festa, parecen os verdadeiros antecesores das dúas manifestación da tradición galega, rondallas e ranchos, o de ir cantar reis e aguinaldos de xeito itinerante polas casas pedindo touciño, chourizos, ou calquera alimento pouco perecedoiro; e dependendo do axeitado do aguinaldo á opulencia da casa, botar unha peza de agradecemento ou de escarnio.
Rondallas e Ranchos. Semellanzas e diferenzas
Aínda que Ranchos e Rondallas adoitan a figurar xuntos na meirande parte da documentación escrita que recolle estas manifestacións da cultura popular, na nosa opinión, discutible coma todas as opinións, ambas teñen orixes e evolucións fortemente diferentes en estrutura, vestimentas, instrumentación e repertorio musical. As propias denominacións parecen apuntar a tradicións diferentes, mais a España no caso das Rondallas, e mais a Portugal no dos Ranchos. Avala esta opinión o feito de que o termo rondalla non está recollido no dicionario da RAG nin no corpus lexicográfico da lingua galega, mentres que Rancho é unha agrupación folclórica portuguesa.
Se as semellanzas principais entre unha e outra agrupación son as explicadas antes, datas de realización, arredor da festa de reis; motivo, pedir o aguinaldo; e forma, de xeito itinerante con música e cancións, as principais diferenzas son a vestimenta, organización e repertorio.
Os compoñentes da rondalla galega visten, homes e mulleres, dun xeito uniformado; pantalóns escuros, camisa branca, capa da mesma color que os pantalóns con cintas multicolores e boina. Os compoñentes dos ranchos, pola contra, visten de xeito diferente homes e mulleres, os homes moi frecuentemente con pantalóns curtos por baixo do xeonllo e medias brancas, chaqueta e garabata, as mulleres con traxes moi semellantes aos das “Danzas brancas” mantelos, e alfaias a mancheas, e nos dous casos sombreiros cheos de perifoles e cachos de espellos que subliñan a súa conexión co culto solar.
A organización da rondalla galega, ten moito de formación militar, co seu capitán e os abandeirados ao fronte e os participantes desfilando rixidamente estruturados en ringleiras. Os que defenden a antigüidade desta formación suxiren que esta tradición pode proceder do encontro do costume de cantar polas casas para pedir o aguinaldo nestas datas coas levas de mozos que sangraron Galicia dende o século XVIII. Outros pensan que se trata de algo moito mais moderno que non vai mais aló de finais do XIX ou principios do XX, posto que o seu primeiro rexistro documental é de 1920.
Pola contra, a estrutura organizativa dos ranchos carece de calquera rixidez, e aínda o papel do que solicita permiso para cantar e recolle o aguinaldo pode ser asumido por calquera dos compoñentes do rancho.
No conxunto instrumental das primeiras rondallas galegas predominaban os instrumentos de corda pulsada, sinaladamente guitarras, bandurras e demais instrumentos de pulso e púa, e os de vento, nas primeira formacións sen gaita de fol, protagonista fundamental no dos ranchos.
Ámbalas dúas formacións comparten o protagonista principal da percusión: os charrascos, que dan, co seu característico chascarraschás, o son xenuíno destas formacións. Bombo, caixa, cunchiñas, e o resto de instrumentos de percusión que vimos en chamar cotidiáfonos ou “instrumentos pobres.
Para rematar esta análise dicir que as diferenzas no repertorio responden, moi en xeral, a esta diferenza de orixe, mais urbano ou vilego nas rondallas e mais popular nos ranchos, que fai que algunhas rondallas se atrevan, cun formidable resultado artístico, co Thunderstruck de AC/DC, namentres os ranchos teiman en manter a tradicional estrutura dos cantos de reis: permiso para cantar, canto e demanda do aguinaldo.
Final: un canto de reis tradicional
Os cantos populares de reis, por oposición aos cantos de orixe clerical, son o remate do ciclo de Nadal. Xuntábanse o grupo dos mozos da contorna que formaban o rancho para ir a cantar os reis polas casas. Queremos finalizar esta pequena achega ao tema de ranchos e rondallas cun exemplo deste canto, que comeza co saúdo ou petición de licenza para cantar:
Licenza pido señores,
se vostedes ma queren dar
para cantar estes reises
que imos escomezar.
O dono da casa daba a licenza cun "podedes" e os mozos comezaban a cantar deste xeito ou algo semellante:
Desexamos os reises
anque sexan poucos:
un touciño enteiro
e metade do outro.
Aquí hai mociñas
que gastan chaqueta
e que nos han dar
a cada un súa peseta.
Aquí hai mociños
que gastan sombreiro,
e que nos han dar
un pesiño enteiro.
Desexamos os reises
se nolos han dar,
que somos de lonxe
e hai moito que andar.
Se o dono da casa era rumboso invitaba aos mozos a entrar na casa e tomar unha copa de caña ou algún petisco. Recibido o aguinaldo botábase a cantiga de aguinaldo ou de despedida, que podía dicir algo coma:
Queden con Deus meus señores
ata o ano que volvamos.
Se é que acaso non volvemos
Que no ceo nos vexamos
Pero se o grupo consideraba que o aguinaldo era ruín para a riqueza da casa a estrofa anterior era substituída por unha cantiga coma esta:
Cantámosche os reises
guedellos de cabra.
Cantámosche os reises
e non nos deches nada.
Nos somos os reises
do quiquiriquí,
se non nos dás nada
cagámosche aquí.
E nada mais por hoxe. Esperamos que tiverades unhas moi boas festas... e grazas polo bo aguinaldo!
Nota [1]: Ranchos e rondallas teñen unha mesma distribución: as comarcas de Condado e Vigo: ranchos nas mais rurais e rondallas en Redondela, Mos, Porriño, Gondomar, Nigrán e Vigo.
Nota [2]: Como xa dixeramos na publicación citada, reservamos a denominación de villancico ou vilancico para “as pezas en lingua vulgar que se cantan nas igrexas, con textos populares ou poemas de autor, e que se usan na liturxia das festas principais en xeral”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario