Dende as 20:30 ata as 22:30
En atención ao obxectivo de acrecentar a consideración das músicas e bailes propios de Galicia, O Fiadeiro recrea, na sétima edición do seu espectáculo “Esta noite hai unha fía”, as melodías que acompañaron o día a día dos homes e mulleres que exerceron os oficios e labores tradicionais, os cantos que aliviaban as xornadas de traballo nunha sociedade esencialmente artesanal que atopaba na música e o baile o indispensable acougo fronte ao duro oficio de vivir.
Con esta Gala de Oficios e Labores o Grupo para a recollida de bailes, músicas e cantares O Fiadeiro rende homenaxe ás persoas que recibiron, gardaron e transmitiron un legado de valor incalculable que en gran parte está a piques de desaparecer por mor do cambio tecnolóxico: o noso Patrimonio Inmaterial, un universo de coñecementos que, a través da transmisión oral, perduraron durante séculos ata chegar a nós, galegos do século XXI que temos nas nosas mans o destino último destes saberes.
Co subtítulo <de oficios e labores>, e ao longo de trece escenas, o espectáculo debulla pezas de música e baile tomando como fío argumental os cantos propios dos oficios tradicionais exercidos en Galicia ata ben entrado o século XX. Así, cada escena comeza coa escenificación dun oficio ou labor por parte dos propios artistas que interpretan os cantos, seguidos de músicas e bailes procedentes da mesma área xeográfica na que eses cantos foron recollidos.
O espectáculo, ideado por Miguel Souto, reúne a un total de cincuenta artistas entre músicos (dirixidos por Rafael Crespo), pandereteiras e pandereteiros (seccións a cargo de Javier Feijoó Chisco) e bailadores (baixo a dirección do propio Souto), no que constitúe un reflexo da ampla variedade de ritmos e xeitos de bailar e tocar existentes en Galicia. Esta variedade ten a súa manifestación incluso no relativo á vestimenta, xa que cada baile conta cun vestiario diferente (baixo a dirección de Begoña Martínez, encargada de vestiario e de estudo e recuperación de traxes e vestimenta tradicional).
O contido do espectáculo está integramente baseado no traballo de campo desenvolvido por todas as bisbarras galegas polos membros da agrupación desde a súa fundación en 1996. Este traballo, xunto coa calidade da posta en escena do material recollido en vilas e aldeas converten ao Grupo para a recollida de bailes, músicas e cantares O Fiadeiro nun dos máis salientables do país no tocante á difusión do folclore.
Patrocinan: XACOBEO, AGADIC E XUNTA DE GALICIA
Colabora: Concello de Tui
Organiza: O Fiadeiro
Máis info: 629 585 355 - ofiadeiro@ofiadeiro.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario