Páginas

miércoles, 9 de diciembre de 2015

CHAVE MESTRA. PRESENTACIÓN, CONFERENCIA E CONCERTO: XOÁN TILVE, GAITEIRO DE CAMPAÑÓ



 O vindeiro sábado 19 de decembro, ás 11:30h, na A.C.F O Fiadeiro, con acceso libre e gratuíto, terá lugar a presentación da colección de libros Chave Mestra con especial atención ao último número sobre Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó.


A presentación contará coa presencia de Ramón Pinheiro Almuinha, director artístico d’aCentral Folque e coordinador da edición; co musicólogo Xavier Groba; e con Óscar Ibáñez, coautor do libro sobre Tilve que interpretará algún tema coa gaita orixinal de Manuel Villanueva, unha xoia organolóxica do século XIX, gaita tombal que pertenceu ao propio Xoán Tilve.

A colección Chave Mestra é unha colección rigorosa e preciosista, promovida por aCentral Folque, centrada en personaxes históricos do patrimonio musical e oral galego. Artistas que destacaron e ofreceron a súa personalidade, bon facer, e que axudaron a transmitir un coñecemento esencial do presente cultural galego. Gaiteiros, zanfonistas, violinistas, narradores, acordeonistas…

Aquí comeza unha serie de publicacións para rescatar, descubrir e divulgar, figuras indispensabeis da cultura tradicional. Libros de alta calidade con fotos inéditas, ensaio histórico e musical, transcrición e análise de partituras e CDs con gravacións orixinais e inédicas en cada unha das publicacións.



Os títulos até agora publicados son: Pazos de Merexo e o acordeón da Costa da Morte deXurxo Souto (texto) e Pedro Pascual (partituras e análise musical); Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de Monforte de Pablo Quintana; Florencio, o cego dos Vilares de Dorothé Schubart, Antón Santamarina, Ramon Pinheiro, Andras Vavrineciz, Sergio de la Ossa; Os contos de Joselín de Laura Tato; Adelino Pichel e os gaiteiros de Forcarei de Juanjo Fernández; Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó de Xavier Groba (texto), Óscar Ibáñez (análise musical e partituras).


+ info sobre ‘Xoán Tilve, Gaiteiro de Campañó’

Formato: Libro-disco
Capa dura, 138 x 196 mm, ca. 160 páxinas, 1 CD
aCentral Folque, 2015.
PVP: 20€

Filgueira Valverde era moi consciente do valor etnomusicolóxico dos fondos do Museo de Pontevedra. Para o momento do lanzamento do Cancioneiro Musical de Galicia, compilado por Casto Sampedro en 1942 só ficaba en activo o Gaiteiro de Campañó, unha figura emblemática en Pontevedra por ser o gaiteiro das Marchas de Procesión do Corpus, sobre a que escribiu de forma erudita Filgueira.

Aproveitando os novos medios técnicos disponíbeis na cidade para a gravación sonora, grazas aos estudios de Radio Pontevedra, Filgueira decide levar adiante unha gravación documental insólita e de grande valor etnomusicolóxico e cultural: a Marcha do Corpus tocada polo gaiteiro de Campañó no seu contexto e comentada ao vivo por el mesmo. Faino en 1947, rexistrando por primeira vez unha alocución propia nun rexistro sonoro. Dous anos depois morría o Gaiteiro de Campañó.

No ano 1999 Ramon Pinheiro, actual director de aCentral Folque, realiza un inventario dos rexistros fonográficos do Museo de Pontevedra, e promove a dixitalización do acetato de Filgueira e o Gaiteiro de Campañó, seriamente deterioriado polo paso do tempo. Ao Museo transládase a unidade móbil da Radio Galega e o enxeñeiro de son Pablo Barreiro realiza a primeira dixitalización desta xoia do patrimonio sonoro de Galiza. En total falamos de dúas alocucións de Filgueira Valverde e catro temas interpretados polo Gaiteiro de Campañó.

aCentral Folque encargoulle a investigación e texto para a publicación ao músico e investigador Óscar Ibáñez cun estudo biográfico sobre Xoán Tilve e ao musicólogo Xavier Groba que realiza unha interesante análise sobre o contexto, fondos e o legado de Casto Sampedro no Museo de Pontevedra e de Filgueira Valverde.

A análise musical e edición de partituras que acompañan o libro son a cargo de Óscar Ibáñez.

O disco, que se publicaría conxuntamente co libro, incluiría a dixitalización íntegra das gravacións históricas, no que sería a súa primeira edición, e se gravaría especialmente para esta publicación novos temas dunha selección de repertorio histórico do Gaiteiro de Campañó, tocado co seu instrumento orixinal, por Óscar Ibáñez, acompañado por Cristian Silva no bombo e Andrés Vilán coma redobrante que gravaron con Pablo Barreiro nos estudos da Radio Galega no verán de 2015 este magnífico disco que agora vé a luz.

jueves, 3 de diciembre de 2015

Obradoiro: O Baile Tradicional aplicado ás Artes Escénicas (Só para alumn@s da escola de baile da asociación)


Data:

SÁBADO 12 de Decembro de 11:00 a 13.00

O obradoiro de Baile tradicional aplicado ás artes ecénicas ten como obxectivo formar ao alumnado da propia Escola de O Fiadeiro, que xa ten unha base técnica dentro do baile tradicional naqueles aspectos que teñen que ver coa posta en escena de puntos tradicionais de recollida de diferentes ritmos ou xéneros. Os contidos programados do curso atenden a diferentes aspectos:



- Técnica e postura corporal.



- Interpretación e expresión do feito musical a través do baile.


- A unidade e uniformidade estilística nun colectivo de baile.

- Pautas para a confección dunha coreografía baseada en puntos tradicionais.

- A comunicación xestual entre bailaríns e a interacción co público.

Lugar do curso: Colexio Lope de Vega

Prezo Soci@s: Gratuíto

Prazas limitadas

É necesario ter nocións básicas de baile e ser soci@ de O Fiadeiro

Mestre: Miguel Souto



Para anotarse chamade ó 629 585 355 ou no correo electrónico a ofiadeiro@ofiadeiro.com

miércoles, 2 de diciembre de 2015

ACTUACIÓN GRUPOS DE MÚSICA e PANDEIRETA DA ESCOLA (Venres 11 de Decembro de 2015)

Os nos@s alumn@s de escola de música e pandeireta amenizarán a rúa do Calvario durante a tarde do venres 11 de decembro.

Hora: 18.00 A 20.00
Lugar: Peonil Calvario

Obradoiro Os bailes de Silvela (5, 6 e 8 de decembro de 2015)


Días do curso:

SÁBADO 5 de Decembro de 16.00 a 20.00
DOMINGO 6 de Decembro de 10.00 a 14.00
MARTES 8 de Decembro de 10.00 a 12.00

O obxectivo principal deste obradoiro será a aprendizaxe dunha muiñeira e dunha xota, ámbolos dous bailes recollidos no municipio de Silvela, pertencente ao concello de As Nogais, situado no medio das montañas orientais da provincia de Lugo. Tanto a recollida de estes bailes como a coreografía do baile é do arquivo etnográfico de A.C.F O Fiadeiro.
O obradoiro terá un carácter totalmente práctico, centrado en adquirir coñecementos sobre as particularidades coreográficas e as formas musicais propias deste concello. Para o desenvolvemento do mesmo os participantes deben ter nocións básicas de baile tradicional galego.

Lugar do curso: Colexio Lope de Vega

Prezo non soci@s: 50,00 euros
Prezo Soci@s: 42,00 euros

Prazas limitadas

É necesario ter nocións básicas de baile

Mestra: Noemí Rodríguez

Para anotarse chamade ó 629 585 355 ou no correo electrónico a ofiadeiro@ofiadeiro.com