Páginas

jueves, 1 de diciembre de 2016

CANTOS DE NADAL, ANINOVO E REIS


Por Manoel da costa




Lenda ou crenza, non cabe dúbida que o nacemento do Cristo é unha inesgotable fonte de inspiración creadora para os artistas de tódalas épocas. A anunciación do Arcanxo, a fuxida a Exipto, a adoracións dos pastores, a estrela conducindo aos Reis cara ao portal de Belén, e o innúmero conxunto de historias elaboradas ao longo de séculos arredor desta fermosa historia de Mateo e Lucas, xera un conxunto de tradicións que entronca directamente coas saudades da nosa propia infancia.

A música, coma unha das artes mais achegadas ao pobo, é o eido onde a temática do Nadal produciu unha floración mais sobranceira. Partindo das melodías litúrxicas primitivas, coma afirman algúns, a través dun proceso evolutivo que inclúe os “misterios” medievais e as composicións cultas, chegamos á canción popular de Nadal en Galicia, obxecto da nosa publicación.

Baseados nestas mesmas fontes, e con tódalas matizacións posibles, dividiremos esta pequena descrición dos cantos de Nadal en Galicia, en tres partes, consonte a súa orixe: litúrxica, culta e popular.

Os cantos litúrxicos no ciclo de nadal galego.

Non existe nos primeiros documentos que citan a existencia de cantos litúrxicos no ciclo de nadal, no século XV, información encol da súa estrutura musical nin de texto; só referencias a como se organizaban os veciños para lle iren cantar ao neno Xesús e ao portal. Teremos que agardar ata o século XVIII para atopar na Catedral de Mondoñedo, constancia escrita de tales manifestacións musicais. Son estes, vilancicos de tema galego e en idioma galego. Segundo o Profesor de Historia da Música da Universidade de Compostela Dr. Carlos Villanueva:

No Nadal de 1794 na Catedral de Mondoñedo estreouse un vilancico de personaxes no que un pastor cantaba ao belén. O que parecía un feito anecdótico non foi tal porque era a primeira vez que un cantar litúrxico introducía a figura do pastor galego como protagonista, inserido nun ambiente e un contorno próximo alén de estar cantado no noso idioma, daquelas inexistente na liturxia. Aínda que foi a final do século XVIII cando se popularizaron os vilancicos en Galicia, no resto do Estado español a tendencia na liturxia era precisamente a contraria, a desaparecer porque se levaba dous séculos de esplendor.

Tamén hai constancia documental de catro vilancicos en galego na Catedral de Compostela, compostos a finais do século XVIII polo mestre de capela Melchor López, castelán afincado dende 1784 en Galicia, e tres mais, de recente descoberta, na Catedral de Ourense.

Os cantos cultos no ciclo de nadal galego.

No proceso de recuperación das nosas tradicións culturais nos cantos de Nadal e Reis, despois do golpe militar contra da República, tiveron un papel de gran relevancia un grupo de poetas e activistas culturais que, perseguidos e reprimidos, permaneceron na terra. Unha das manifestacións deste activismo foi a publicación no ano 1957, nos Talleres da Tipografía Flórez de Madrid, da escolma de panxoliñas que leva por título Nadal en Galicia.

Nela se recollen textos dalgúns dos mais importantes poetas do momento coma Manuel María, Aquilino Iglesia Alvariño, Fermín Bouza-Brey, Gómez Ledo, Díaz Jácome, etc. Textos que sen dúbida están destinados a ser cantados, xa que as festas de Nadal están tradicionalmente asociadas á música e, en especial, á música cantada.

No interesantísimo artigo de Xesús Alonso Montero, de xaneiro de 2007, O nadal nas letras galegas (1940-1979) cítanse panxoliñas dalgúns dos mais sobranceiros poetas galegos contemporáneos, como Celso E. Ferreiro, Manuel María, Ben-Cho-Shey, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro, Faustino Rey Romero, etc., datados nos primeiros anos da posguerra. De 1951 é esta do poeta da Terra Chá, Manuel María:

Hai un vento cheo de frío
apousado nos camiños
e no ar un asubío
todo cheo de aloumiños
pero un vento milagreiro
nascerá pol-o Nadal
brilará coma un luceiro
pra alumear o portal.

Xa nas ponlas dun carballo
nasceu un vento ventiño;
ten doces versos de orballo
e azas de paxariño.
Ten azas de paxariño
e craridades de día,
que llas deu Jesús Neniño
e Santa Virxe María.

Algúns destes poemas deron orixe a panxoliñas “novas”, musicadas con mellor ou peor fortuna artística. Pero o que realmente comezou a acelerar o citado proceso de recuperación das nosas tradicións culturais nos cantos de Nadal e Reis, foron dous produtos sobranceiros deste activismo cultural: os LP “Panxoliñas” de María Manoela e Xoán Rubia, e "Galicia Canta ao Neno, Vol.1" de Fuxan os ventos.

O primeiro, con dez fermosísimas panxoliñas recollidas e harmonizadas polo compositor e notable pianista coruñés Ramiro Cartelle, nas voces de María Manoela e Xoan Rubia, con arranxos de Pedro Iturralde e a colaboración de Miguel Varela, apareceu no Nadal de 1977 editado polo selo Novola da compañía Zafiro.

O segundo con dezanove panxoliñas, arrolos e cantos de reis populares, nas voces do grupo Fuxan os Ventos, editouno PHILIPS no 1978. Os propios compoñentes de Fuxan, recollían a historia de Galicia Canta ao Neno, no interior do disco:

“Aló polo ano 1970, co gallo dun concurso de vilancicos, naceu Galicia Canta ao Neno. Un fato de rapaces e rapazas de Lugo (xa había algúns dos que, hoxe, forman o grupo Fuxan os Ventos, que aínda non nacera)[…] idearon unha maneira nova e distinta de amosar a xente […] os xeitos e maneiras que tiñan os nosos antepasados de festexar estas datas do Nadal […] nas aldeas e vilas de Galicia.”

Os cantos populares do ciclo de nadal en Galicia.

En Galicia falamos de panxoliñas ou nadais para os cantos do propio Nadal, xaneiras, manueis ou aninovos para o fin de ano, e cantares de reis ou aguinaldos para a a véspera de Reis, reservando a verba “villancico” ou vilancico para “as pezas en lingua vulgar que se cantan nas igrexas, con textos populares ou poemas de autor, e que se usan na liturxia das festas principais en xeral”.

En opinión dalgúns estudosos das tradicións das festas de Nadal en Galicia, é o costume de ir cantar estas pezas de xeito itinerante polas casas, solicitando o aguinaldo, o feito diferencial da tradición galega, que a entronca directamente coas tradicións propias que teñen a súa orixe nos cultos solares. Este carácter solar evidénciase tamén nalgunha das danzas denominadas “brancas” pola preeminencia desta cor na vestimenta dos danzantes, propias do ciclo do Nadal e de Reis, e que execútanse con paus, arcos, cintas ou castañolas [1].

O bandiño ou cuadrilla de mozos e mozas, reiseiros nos cantos de reis, xuntábanse para percorrer a vila, parroquia ou aldea para pedir, a cambio dos seus cantos, doces e lambetadas e aínda cousas de mais entidade coma chourizos, touciño e viño para logo monta-la festa todos xuntos nunha bailada ou foliada. Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa mantíñase ao longo do ciclo de festas.

Resulta habitual que estes grupos inclúan un gaiteiro ademais das percusións co bombo, tamboril e os denominados instrumentos humildes, cunchas, tarrañolas, piñas, e calquera dos que se poden atopar facilmente nas casas de aldea.

A maior parte dos cantos do ciclo de Nadal de orixe popular están en castelán, ou mais ben en castrapo, o que evidencia a orixe eclesiástica de moitos deles. Tamén é normal que, nunha cántiga en perfecto galego, atopemos unha ou mais coplas en castelán, de orixe moitas veces zamorano ou leonés, froito da evidente inexistencia de barreiras artificiais para o folclore. Finalmente debemos citar algún caso risible, onde o recollido é a versión adaptada para executar nas casas dos caciques, políticos madrileños e señoritos varios, nos que se traducían as coplas galegas ao castelán para agrada-los anfitrións.

Os cantos do ciclo de nadal, de xeito especial os de Reis, comezaban cunhas estrofas de presentación do grupo, na que se pedía licenza para cantar. De contado viña o propio canto, ou cantos para rematar cunha estrofa de recoñecemento ós da casa onde cantaban, ao recibires o aguinaldo, se este era o que o grupo estimaba xusto, ou cunha copla de escarnio se o recibido era desproporcionado coa riqueza da casa. Finalmente tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban os da casa a danzar.

Déame o aguinaldo, señora por Dios;
que venimos catro e cantamos dous.

Déame o aguinaldo, anque seña pouco:
un touciño enteiro e a mitá doutro.

Levántese, señora, do seu sentadeiro,
vaia ó touciño e fágalle un cambeiro.

Déanos o aguinaldo, señora casada,
ovos, torresmos e longaínza asada.

Conclusión apresurada.

Mais aló do consumismo desaforado, dos anuncios de perfumes exóticos, das luces das rúas, e os catálogos dos centros comerciais, arredor dás datas do Nadal se poden tecer toda unha xeira de fermosas tradicións propias, nas que a música, o canto e a danza adquiran o seu valor integrador, como o facían daquela en case que tódalas celebracións da sociedade tradicional galega. Como Asociación Cultural Folclórica a nosa misión é loitar, na medida das nosas cativas forzas, para evitar que moitas das vellas tradicións e dos antigos ritos que conforman a nosa identidade como pobo, se perdan definitivamente, acendendo o lume novo de Nadal coas nosas panxoliñas, aninovos e reis.

Os Reises cantamos pedindo aguinaldo
chourizas, touciño pra face-lo caldo.
Pra face-lo caldo,  pra face-lo caldo,
chourizas, touciño pedindo o aguinaldo.




Nota [1]: O estudio e descrición das “Danzas Brancas” excede con largueza a intención desta nota. Soamente referirnos ao costume de executar estas danzas tamén no ciclo de Nadal, aínda no transcurso da misa. Algúns estudosos mencionan o posible significado solar das danzas de trenzado de cintas riba dun pau central, baseándose na semellanza do ciclo de trenzado e destrenzado das cintas arredor dun pau central co ciclo anual do Sol, engadido ademais que o feito de que os danzantes leven espellos e outros obxectos que reflicten a luz nas súas cabezas reforza aínda máis este presunto carácter solar do baile.

No hay comentarios:

Publicar un comentario