Por Manoel da costa
Conta Rafael Pérez Loureiro, mestre de Cedeira e un dos impulsores da recuperación da tradición galega de celebrar no 31 de outubro o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os seus familiares vivos, que, fai desto uns vinte anos, un día chegoulle a casa a súa filla cativa cun “melón” (como lle chaman en Cedeira as cabazas) que lle dera a profesora de inglés para tallar nela unha caveira e celebrares deste xeito o Halloween.
- Que Halloween? – contéstalle Rafael á súa filla – Isto xa o facía eu fai trinta anos cos meus amigos do rueiro.
Rafael indígnase, con razón, pois pensa que non hai nada mais ridículo que un pobo que despreza a súa propia cultura e a volve a incorporar, deturpada, a través da colonización cultural dos medios de masas dos USA, e coma resposta necesaria, realiza un estudo de recolleita de testemuñas e referencias documentais desta tradición, e crea unha unidade didáctica para utilizar polos mestres nos colexios de Galicia.
O Samaín, nas comunidades agrarias é unha festa asociada ao ciclo anual do sol, ao fin do tempo das colleitas, o ano vello, e o comezo do inverno, o ano novo. Para estas comunidades fortemente vencelladas á natureza, este era o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira, polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar.
Esta tradición, claramente pagá foi pouco a pouco esmorecendo, polo menos nas vilas e cidades, por influencia de Igrexa Católica que miraba con malos ollos estas tradicións animistas opostas á doutrina oficial. Deste xeito, por obra e graza da Igrexa, os mortos pasaron a estar ben mortos nos camposantos da súa propiedade, material e ideolóxica, agardando mansamente o día do Xuízo Universal, único no que retornarían a este mundo. E coma a Igrexa ten séculos de experiencia en cristianizar costumes e festas, o Samaín pasou a ser Santos, no que os vivos tiñan a obriga de gastar os cartos e mercar flores para adornar o monumentos funerarios dos ricos e os sartegos dos probes.
Coa morte de Franco e transición á democracia, a Igrexa perde moito do seu poder ideolóxico fronte á invasión cultural dos USA. A través do cine primeiro e da televisión despois, vemos aos nenos americanos, disfrazados de criaturas infernais, trasgos, bruxas, mortos podrecidos que camiñan, petando nas portas das preciosas casas dos veciños para coa ladaíña de “truco ou trato” pedires lambetadas. Nas ventás unha cabaza tallada a xeito de caveira cunha candea no seu interior, dálles a benvida. En 1978, John Carpenter dálle unha volta de porca á festa amable coa a estrea, nos Estados Unidos primeiro e no mundo enteiro despois, do filme Halloween, ambientado na véspera de Todos os Santos que supuxo unha referencia para o cinema de terror de serie B. O que era unha tradición de nenos convértese tamén en festa de mozos, co seu necesario adobío de transgresión. Non tardan moito as cadeas comerciais en decatarse da oportunidade de negocio desta festa de Tódolos Santos, "All Hallows' Even", versión USA, para vender cabazas con adhesivos para tallar os buracos no lugar correcto, disfraces, maquillaxes, cabeiros de plástico, sangue artificial, morcegos, arañas e todos os subprodutos do cine de terror.
Unha Asociación Cultural e Folclórica coma O Fiadeiro non pode mais que intentar loitar na medida das súas forzas pola recuperación das tradicións galegas desta festa, ben é certo que con tódalas reservas posibles, posto que non existe neste momento un acordo total entre los diversos estudosos da etnografía galega, encol do que é e non é auténtico nas festas actuais do Samaín galego. De contado pasamos revista a tres dos mais importantes aspectos destas festas.
Tallado de cabazas e outras hortalizas
Parece a mais común e estendida das tradicións asociadas a esta celebración. Se o lume na lareira procura invitar ás ánimas amigas á compartir a mesa familiar, a cabaza tallada a xeito de caveira cumpre a misión de afastar ás dos inimigos que poden pretender a nosa desgraza. No seu orixe serían as caveiras reais dos inimigos mortos en combate, substituídas, séculos despois, por melóns, nabos ou cabazos, baleirados do seu contido e tallados de xeito que provoquen o maior medo posible.
Segundo os estudosos esta tradición está presente, con nomes diferentes, en toda Galiza: calacús nas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense, etc. Os inmigrantes irlandeses levaron esta tradición aos USA, nas emigracións masivas da Gran Fame irlandesa. E foron eles quen espallaron a tradición de tallar os “jack-o'-lantern”, que inspiraron a lenda de “Jack o Lambefoula” e os seus netos ou bisnetos, os que no la trouxeron de volta coma se fora algo novo.
Disfraces
Esta é a parte de orixe mais claramente alleo. Galicia ten a súa propia festa do exceso, a provocación e o disfrace, o entroido, que é unha festa de comezo da primavera e do rexurdimento da vexetación, ben afastada desta. Posto que o cerne do Samaín galego son as ánimas dos mortos que retornaban ás súas casas para visitar os familiares vivos, nin as bruxas, nin os demos ou zombis, pintan nada no imaxinario desta festa, todo o mais as pantasmas, coa cara tapada ou emborrallada coma no magosto, festa que, por certo, ten bastante proximidade con esta. E dende logo nada de morcegos, arañas, bufos, ou outros animais semellantes, respectados no rural polos seus evidentes beneficios, e satanizados nesta absurda pantomima do Halloween comercial.
Truco ou trato
Tamén a tradición de iren a pedir lambetadas polas portas semella moi presente en Galiza. Por exemplo os rapaces na Illa de Arousa van pedir polas rúas, por casas e comercios, unhas esmolas "polos defuntiños que van alá", e reciben doces, chocolates, moedas ou pans trenzados para a ocasión. Rafael Loureiro recolle tamén a tradición da rexión de Coimbra (Portugal) na que os nenos coa cara pintada de negro recorrían as casas pedindo lambetadas con este cantar:
“Bolinhos e bolinhós
para mi e para vos
para dar aos finados
que estâo mortos e enterrados.
A vela, bela cruz, truz, truz
A señora que está ala dentro
sentada nun banquinho
faz favor de vir cá fora
prá nos dar un tostaozinho.”
Se a resposta era positiva, contestaban eloxiando á casa e os seus habitantes:
“Esta casa cheira a broa,
aquí mora xente boa;
esta casa cheira a viño,
aquí mora algún santiño.”
Pola contra, se non lle daban o apetecido, ou os botaban de mala forma, cantaban:
“Esta casa cheira a alho,
aquí mora algún bandalho;
esta casa cheira a unto,
aquí mora algún defunto.”
Estupendo e interesante traballo para ir calando como a goteira. A banalidade só se combate con coñecemento compartido. Parabéns e a seguir, que fai moita falta regaleguizar o país.
ResponderEliminarGracias Helena, entre todos tentamos dar un pasiño cada día para que a nosa cultura estea presente.
EliminarUn saúdo
Sin embargo, según los detractores de esta teoría, No existen documentos escritos antiguos que hagan referencia al Samain...
ResponderEliminarTes toda a razón! Tamén hai bastantes autores, coma por exemplo Ferrín, que defenden que se trata dunha falsa tradición, froito dunha corrente ideolóxica celtista, destacando que os principais etnógrafos, como Risco, González Reboredo ou Mariño Ferro non falan de nada semellante.
EliminarFeita esta constatación, nos inclinámonos por a súa aceptación baseados fundamentalmente en tres argumentos:
1. Hai moitas outras tradicións que tampouco citan eses etnógrafos.
2. Que non existan documentos escritos é normal nunha cultura de tradición oral
3. A mellor forma de loitar contra o Halloween é o Samaín.
Moitas grazas, pola túa aportación.
Eu só digo unha cousa, e non me malinterpretedes que non é a miña intención facer polémica. Canto menos é gracioso isto das tradicións de ida e volta, pero non me podedes negar que, sen desbotar a crítica que se lle fai á anglosaxona "halloween", hai que recoñecer que polo menos desta volta, a globalización trae como consecuencia o despertaren de cousas que xa estaban bastante esquecidas.
ResponderEliminarHai que recoñecer que de non ser por esa invasión americana do Halloween, ninguén se tería lembrado do Samain... Os tempos cambian e a vida evoluciona, e eu podo pensar que de non ter esmorecido o Samain, teríase convertido en algo parecido ao que é agora o Halloween que nos ven de USA: disfraces de terror e moito, moito merchandising.
O que si que teño claro é que é preciso ter claro de onde ven, cal é a tradición, etc...