Páginas

viernes, 30 de diciembre de 2016

O APALPADOR OU PANDIGUEIRO


Por Manoel da costa



Os regalos aos nenos no Solsticio de Inverno

Dende que a humanidade observou o ceo e a relación da posición do sol coa fertilidade do chan, todas as culturas desenvolveron rituais propiciatorios para escudar o terror ao futuro. Un destes rituais está asociado á (aparente) morte do sol e a súa resurrección. É o que coñecemos como solsticio de inverno [1].
As comunidades agrarias ían ser privadas de moitas cousas durante o inverno, e a fame atacaría con mais crueza ao mais prezado da familia: os nenos. A eles se dirixían moitos destes rituais.
Por exemplo, nas festas saturnais que se celebraban na Roma clásica, era tradición que os nenos recibiran obsequios dos maiores. E dende eses tempos aos actuáis, baixo a forma de Papá Noel, Father Christmas, Père Noël, Babbo Natale, Santa Claus, San Nicolás, os Reis Magos, ou o Apalpador, alguén vaise a encargar que os nenos non queden sen regalos por estas datas.

A montaña de Lugo. O Apalpador

Algúns etnógrafos galegos, sinaladamente Xesús Taboada Chivite [2], describen un costume da montaña lucense, que denomina "a noite de apalpadoiro" e que consiste en que na noite de fin de ano baixa das montañas un vello xigante, O Apalpador, que toca a barriga dos nenos que están a durmir, por ver se comeron abondo para o ano que entra.
Algunha testemuña engade que O Apalpador, de teren a barriga chea, dilles: “Así, así esteas todo o ano” e déixalles unha man chea de castañas. De ver que teñen a barriga baleira, non di nada, mais tamén deixa unha presa de castañas.
No Nadal do ano 2006, o investigador José André Lôpez Gonçâlez publicou en AGAL-GZ, Portal Galego da Lingua, un artigo titulado "O Apalpador". Personaxe mítico do Nadal galego a rescate" elaborado a partires de informacións procedentes das terras luguesas de Loúzara, O Courel e O Cebreiro recompiladas xa en 1994. Neste artigo comeza a concretarse o aspecto exterior da figura do Apalpador, un xigante, carboeiro, que usa boina, casaca esfarrapada e remendada, que fuma en pipa, e aliméntase de bagas e xabarís. O día 31 de decembro baixa da montaña e visita aos nenos, despois de estes quedaren durmidos.

A montaña de ourense. O Pandigueiro

Outras tradicións recollidas na montaña ourensá da Terra de Trives, fan referencia a un personaxe semellante, o Pandigueiro, que acudía aos leitos dos nenos que se tiveran que deitar na Noite de Nadal co ventre baleiro. Segundo esta información, o Pandigueiro baixaba da Serra da Cabeza Grande e os nenos pedíanlle leitiña con purgazos, ou leite quente con castañas secas, tradición que presenta fortes diferenzas coa do Apalpador, antes descrita, xa que o Pandigueiro visitaba soamente aos nenos probes, estes nenos permanecían espertos, non había cerimonia de apalpado de barrigas, e este personaxe, ademais, podía levar xoguetes tallados en madeira de amieiro.

A galicia urbana. Apalpador ou Pandigueiro, tanto ten

A finais de decembro do 2012 a comisión da Historia da asociación cultural de Compostela A GENTALHA DO PICHEL presentou "E há de vir o Apalpador", un documental arredor dun personaxe da tradición da montaña de Lugo, cunha chea de testemuñas gravadas entre os Ancares, o Courel e Sarria. Para moitos era a primeira vez que escoitaban falar de tal personaxe, ausente nos libros da maioría dos autores clásicos da etnografía galega.
A existencia de dous personaxes con similitudes pero tamén riscos diferentes, de presenza moi local, montaña de Lugo o primeiro, e Terra de Trives o segundo, e a forte semellanza co Olentzero euskaldún[3], carboeiro, vive no monte, fuma en pipa, etc., levou a algúns dos estudosos da etnografía galega a argumentar do pouco rigor científico destes personaxes. Outros engaden que os costumes do Apalpador, apalpar o bandullo dos nenos para saber se comeron abondo para que o ano que entra non sexa de fame, senón de fartura, non son demasiado correctas, para rematar cos que afirman que "na miña aldea non se facía iso".
Como Asociación Cultural pensamos que a defensa das tradicións propias representa unha forma de autoafirmación fundamental, e que tan importantes son as particularidades como a asunción de símbolos comúns, que nos sirvan de unión, polo que, fronte a Papá Noel ou Santa Claus, viva o Apalpador, con razón ou sen ela!

Coplas do Apalpador e do Pandigueiro

Recollidos por Jerónimo de Vicente, dende Ourense, estes versos que lle cantaban os pais ós seus fillos a noite que baixaba o Apalpador:

Vaite logo, meu meniño (miña meniña)
marcha agora para a camiña
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.

Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.

Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
A cachela é unha tixola furada para asar as castañas. A mega é unha cesta para apañar castañas e outros froitos secos.
A Sociedade Antropolóxica Galega recolle esta copla do Pandigueiro:

Durme meu neno durme
Durme meu neno axiña
Que o Pandigueiro che ha traguere
Uns purgazos pra a leitiña.
Purgazos: Castañas secas, rehidratadas e logo cocidas. Adoitábanse comer con leite.


Mais información en:
http://agal-gz.org/blogues/index.php/apalpador/
http://www.galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=50&id=1171
https://www.youtube.com/watch?v=hZMpYnt7AXk
https://es.wikipedia.org/wiki/Olentzero
https://es.wikipedia.org/wiki/Solsticiodeinvierno
https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/tag/pandigueiro/
http://www.apalpador.com/




Nota [1] O solsticio de inverno é o momento no que o Sol, durante o seu movemento aparente na esfera celeste, alcanza o seu maior afastamento, en latitude, do ecuador. O nome provén do latín solstitium, sol quieto, e, dependendo da correspondencia co calendario, ten lugar entre o 20 e o 30 de decembro no hemisferio norte. No 45 a. C., no calendario xuliano estableceuse o 30 de decembro como o solsticio de inverno de Europa. Había una diferenza entre o ano civil de 365,25 días e o año tropical de 365,2422 días; esa diferenza provocou que o solsticio astronómico no caera sempre no mesmo día, sino que se adiantara aproximadamente tres días cada catro séculos. En 1582, o papa Gregorio XIII instaurou o novo calendario, o gregoriano, co que o solsticio de inverno no hemisferio norte sucede arredor do día 21 de decembro.
Nota [2] "La Navidad gallega y su ritualidad", en Ritos y creencias gallegas, TABOADA CHIVITE, Xesús. Gráficas Magoyo, Rioja 1, A Coruña, 1982.
Nota [3] Olentxero, en Euskadi, e nos Países Cataláns a tradición é que sexa a figura do Tió a encargada de tarerlle os regalos aos nenos. En Cantabria fálase do Esteru e do Angulero, en Asturias.




jueves, 1 de diciembre de 2016

CANTOS DE NADAL, ANINOVO E REIS


Por Manoel da costa




Lenda ou crenza, non cabe dúbida que o nacemento do Cristo é unha inesgotable fonte de inspiración creadora para os artistas de tódalas épocas. A anunciación do Arcanxo, a fuxida a Exipto, a adoracións dos pastores, a estrela conducindo aos Reis cara ao portal de Belén, e o innúmero conxunto de historias elaboradas ao longo de séculos arredor desta fermosa historia de Mateo e Lucas, xera un conxunto de tradicións que entronca directamente coas saudades da nosa propia infancia.

A música, coma unha das artes mais achegadas ao pobo, é o eido onde a temática do Nadal produciu unha floración mais sobranceira. Partindo das melodías litúrxicas primitivas, coma afirman algúns, a través dun proceso evolutivo que inclúe os “misterios” medievais e as composicións cultas, chegamos á canción popular de Nadal en Galicia, obxecto da nosa publicación.

Baseados nestas mesmas fontes, e con tódalas matizacións posibles, dividiremos esta pequena descrición dos cantos de Nadal en Galicia, en tres partes, consonte a súa orixe: litúrxica, culta e popular.

Os cantos litúrxicos no ciclo de nadal galego.

Non existe nos primeiros documentos que citan a existencia de cantos litúrxicos no ciclo de nadal, no século XV, información encol da súa estrutura musical nin de texto; só referencias a como se organizaban os veciños para lle iren cantar ao neno Xesús e ao portal. Teremos que agardar ata o século XVIII para atopar na Catedral de Mondoñedo, constancia escrita de tales manifestacións musicais. Son estes, vilancicos de tema galego e en idioma galego. Segundo o Profesor de Historia da Música da Universidade de Compostela Dr. Carlos Villanueva:

No Nadal de 1794 na Catedral de Mondoñedo estreouse un vilancico de personaxes no que un pastor cantaba ao belén. O que parecía un feito anecdótico non foi tal porque era a primeira vez que un cantar litúrxico introducía a figura do pastor galego como protagonista, inserido nun ambiente e un contorno próximo alén de estar cantado no noso idioma, daquelas inexistente na liturxia. Aínda que foi a final do século XVIII cando se popularizaron os vilancicos en Galicia, no resto do Estado español a tendencia na liturxia era precisamente a contraria, a desaparecer porque se levaba dous séculos de esplendor.

Tamén hai constancia documental de catro vilancicos en galego na Catedral de Compostela, compostos a finais do século XVIII polo mestre de capela Melchor López, castelán afincado dende 1784 en Galicia, e tres mais, de recente descoberta, na Catedral de Ourense.

Os cantos cultos no ciclo de nadal galego.

No proceso de recuperación das nosas tradicións culturais nos cantos de Nadal e Reis, despois do golpe militar contra da República, tiveron un papel de gran relevancia un grupo de poetas e activistas culturais que, perseguidos e reprimidos, permaneceron na terra. Unha das manifestacións deste activismo foi a publicación no ano 1957, nos Talleres da Tipografía Flórez de Madrid, da escolma de panxoliñas que leva por título Nadal en Galicia.

Nela se recollen textos dalgúns dos mais importantes poetas do momento coma Manuel María, Aquilino Iglesia Alvariño, Fermín Bouza-Brey, Gómez Ledo, Díaz Jácome, etc. Textos que sen dúbida están destinados a ser cantados, xa que as festas de Nadal están tradicionalmente asociadas á música e, en especial, á música cantada.

No interesantísimo artigo de Xesús Alonso Montero, de xaneiro de 2007, O nadal nas letras galegas (1940-1979) cítanse panxoliñas dalgúns dos mais sobranceiros poetas galegos contemporáneos, como Celso E. Ferreiro, Manuel María, Ben-Cho-Shey, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro, Faustino Rey Romero, etc., datados nos primeiros anos da posguerra. De 1951 é esta do poeta da Terra Chá, Manuel María:

Hai un vento cheo de frío
apousado nos camiños
e no ar un asubío
todo cheo de aloumiños
pero un vento milagreiro
nascerá pol-o Nadal
brilará coma un luceiro
pra alumear o portal.

Xa nas ponlas dun carballo
nasceu un vento ventiño;
ten doces versos de orballo
e azas de paxariño.
Ten azas de paxariño
e craridades de día,
que llas deu Jesús Neniño
e Santa Virxe María.

Algúns destes poemas deron orixe a panxoliñas “novas”, musicadas con mellor ou peor fortuna artística. Pero o que realmente comezou a acelerar o citado proceso de recuperación das nosas tradicións culturais nos cantos de Nadal e Reis, foron dous produtos sobranceiros deste activismo cultural: os LP “Panxoliñas” de María Manoela e Xoán Rubia, e "Galicia Canta ao Neno, Vol.1" de Fuxan os ventos.

O primeiro, con dez fermosísimas panxoliñas recollidas e harmonizadas polo compositor e notable pianista coruñés Ramiro Cartelle, nas voces de María Manoela e Xoan Rubia, con arranxos de Pedro Iturralde e a colaboración de Miguel Varela, apareceu no Nadal de 1977 editado polo selo Novola da compañía Zafiro.

O segundo con dezanove panxoliñas, arrolos e cantos de reis populares, nas voces do grupo Fuxan os Ventos, editouno PHILIPS no 1978. Os propios compoñentes de Fuxan, recollían a historia de Galicia Canta ao Neno, no interior do disco:

“Aló polo ano 1970, co gallo dun concurso de vilancicos, naceu Galicia Canta ao Neno. Un fato de rapaces e rapazas de Lugo (xa había algúns dos que, hoxe, forman o grupo Fuxan os Ventos, que aínda non nacera)[…] idearon unha maneira nova e distinta de amosar a xente […] os xeitos e maneiras que tiñan os nosos antepasados de festexar estas datas do Nadal […] nas aldeas e vilas de Galicia.”

Os cantos populares do ciclo de nadal en Galicia.

En Galicia falamos de panxoliñas ou nadais para os cantos do propio Nadal, xaneiras, manueis ou aninovos para o fin de ano, e cantares de reis ou aguinaldos para a a véspera de Reis, reservando a verba “villancico” ou vilancico para “as pezas en lingua vulgar que se cantan nas igrexas, con textos populares ou poemas de autor, e que se usan na liturxia das festas principais en xeral”.

En opinión dalgúns estudosos das tradicións das festas de Nadal en Galicia, é o costume de ir cantar estas pezas de xeito itinerante polas casas, solicitando o aguinaldo, o feito diferencial da tradición galega, que a entronca directamente coas tradicións propias que teñen a súa orixe nos cultos solares. Este carácter solar evidénciase tamén nalgunha das danzas denominadas “brancas” pola preeminencia desta cor na vestimenta dos danzantes, propias do ciclo do Nadal e de Reis, e que execútanse con paus, arcos, cintas ou castañolas [1].

O bandiño ou cuadrilla de mozos e mozas, reiseiros nos cantos de reis, xuntábanse para percorrer a vila, parroquia ou aldea para pedir, a cambio dos seus cantos, doces e lambetadas e aínda cousas de mais entidade coma chourizos, touciño e viño para logo monta-la festa todos xuntos nunha bailada ou foliada. Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para ir cantar de casa en casa mantíñase ao longo do ciclo de festas.

Resulta habitual que estes grupos inclúan un gaiteiro ademais das percusións co bombo, tamboril e os denominados instrumentos humildes, cunchas, tarrañolas, piñas, e calquera dos que se poden atopar facilmente nas casas de aldea.

A maior parte dos cantos do ciclo de Nadal de orixe popular están en castelán, ou mais ben en castrapo, o que evidencia a orixe eclesiástica de moitos deles. Tamén é normal que, nunha cántiga en perfecto galego, atopemos unha ou mais coplas en castelán, de orixe moitas veces zamorano ou leonés, froito da evidente inexistencia de barreiras artificiais para o folclore. Finalmente debemos citar algún caso risible, onde o recollido é a versión adaptada para executar nas casas dos caciques, políticos madrileños e señoritos varios, nos que se traducían as coplas galegas ao castelán para agrada-los anfitrións.

Os cantos do ciclo de nadal, de xeito especial os de Reis, comezaban cunhas estrofas de presentación do grupo, na que se pedía licenza para cantar. De contado viña o propio canto, ou cantos para rematar cunha estrofa de recoñecemento ós da casa onde cantaban, ao recibires o aguinaldo, se este era o que o grupo estimaba xusto, ou cunha copla de escarnio se o recibido era desproporcionado coa riqueza da casa. Finalmente tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban os da casa a danzar.

Déame o aguinaldo, señora por Dios;
que venimos catro e cantamos dous.

Déame o aguinaldo, anque seña pouco:
un touciño enteiro e a mitá doutro.

Levántese, señora, do seu sentadeiro,
vaia ó touciño e fágalle un cambeiro.

Déanos o aguinaldo, señora casada,
ovos, torresmos e longaínza asada.

Conclusión apresurada.

Mais aló do consumismo desaforado, dos anuncios de perfumes exóticos, das luces das rúas, e os catálogos dos centros comerciais, arredor dás datas do Nadal se poden tecer toda unha xeira de fermosas tradicións propias, nas que a música, o canto e a danza adquiran o seu valor integrador, como o facían daquela en case que tódalas celebracións da sociedade tradicional galega. Como Asociación Cultural Folclórica a nosa misión é loitar, na medida das nosas cativas forzas, para evitar que moitas das vellas tradicións e dos antigos ritos que conforman a nosa identidade como pobo, se perdan definitivamente, acendendo o lume novo de Nadal coas nosas panxoliñas, aninovos e reis.

Os Reises cantamos pedindo aguinaldo
chourizas, touciño pra face-lo caldo.
Pra face-lo caldo,  pra face-lo caldo,
chourizas, touciño pedindo o aguinaldo.




Nota [1]: O estudio e descrición das “Danzas Brancas” excede con largueza a intención desta nota. Soamente referirnos ao costume de executar estas danzas tamén no ciclo de Nadal, aínda no transcurso da misa. Algúns estudosos mencionan o posible significado solar das danzas de trenzado de cintas riba dun pau central, baseándose na semellanza do ciclo de trenzado e destrenzado das cintas arredor dun pau central co ciclo anual do Sol, engadido ademais que o feito de que os danzantes leven espellos e outros obxectos que reflicten a luz nas súas cabezas reforza aínda máis este presunto carácter solar do baile.

lunes, 31 de octubre de 2016

DO SAMAIN A SANTOS, DE SANTOS A HALLOWEEN E DE HALLOWEEN AO SAMAIN


Por Manoel da costa



Conta Rafael Pérez Loureiro, mestre de Cedeira e un dos impulsores da recuperación da tradición galega de celebrar no 31 de outubro o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os seus familiares vivos, que, fai desto uns vinte anos, un día chegoulle a casa a súa filla cativa cun “melón” (como lle chaman en Cedeira as cabazas) que lle dera a profesora de inglés para tallar nela unha caveira e celebrares deste xeito o Halloween.

- Que Halloween? – contéstalle Rafael á súa filla – Isto xa o facía eu fai trinta anos cos meus amigos do rueiro.

Rafael indígnase, con razón, pois pensa que non hai nada mais ridículo que un pobo que despreza a súa propia cultura e a volve a incorporar, deturpada, a través da colonización cultural dos medios de masas dos USA, e coma resposta necesaria, realiza un estudo de recolleita de testemuñas e referencias documentais desta tradición, e crea unha unidade didáctica para utilizar polos mestres nos colexios de Galicia.

O Samaín, nas comunidades agrarias é unha festa asociada ao ciclo anual do sol, ao fin do tempo das colleitas, o ano vello, e o comezo do inverno, o ano novo. Para estas comunidades fortemente vencelladas á natureza, este era o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira, polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar.

Esta tradición, claramente pagá foi pouco a pouco esmorecendo, polo menos nas vilas e cidades, por influencia de Igrexa Católica que miraba con malos ollos estas tradicións animistas opostas á doutrina oficial. Deste xeito, por obra e graza da Igrexa, os mortos pasaron a estar ben mortos nos camposantos da súa propiedade, material e ideolóxica, agardando mansamente o día do Xuízo Universal, único no que retornarían a este mundo. E coma a Igrexa ten séculos de experiencia en cristianizar costumes e festas, o Samaín pasou a ser Santos, no que os vivos tiñan a obriga de gastar os cartos e mercar flores para adornar o monumentos funerarios dos ricos e os sartegos dos probes.

Coa morte de Franco e transición á democracia, a Igrexa perde moito do seu poder ideolóxico fronte á invasión cultural dos USA. A través do cine primeiro e da televisión despois, vemos aos nenos americanos, disfrazados de criaturas infernais, trasgos, bruxas, mortos podrecidos que camiñan, petando nas portas das preciosas casas dos veciños para coa ladaíña de “truco ou trato” pedires lambetadas. Nas ventás unha cabaza tallada a xeito de caveira cunha candea no seu interior, dálles a benvida. En 1978, John Carpenter dálle unha volta de porca á festa amable coa a estrea, nos Estados Unidos primeiro e no mundo enteiro despois, do filme Halloween, ambientado na véspera de Todos os Santos que supuxo unha referencia para o cinema de terror de serie B. O que era unha tradición de nenos convértese tamén en festa de mozos, co seu necesario adobío de transgresión. Non tardan moito as cadeas comerciais en decatarse da oportunidade de negocio desta festa de Tódolos Santos, "All Hallows' Even", versión USA, para vender cabazas con adhesivos para tallar os buracos no lugar correcto, disfraces, maquillaxes, cabeiros de plástico, sangue artificial, morcegos, arañas e todos os subprodutos do cine de terror.

Unha Asociación Cultural e Folclórica coma O Fiadeiro non pode mais que intentar loitar na medida das súas forzas pola recuperación das tradicións galegas desta festa, ben é certo que con tódalas reservas posibles, posto que non existe neste momento un acordo total entre los diversos estudosos da etnografía galega, encol do que é e non é auténtico nas festas actuais do Samaín galego. De contado pasamos revista a tres dos mais importantes aspectos destas festas.


Tallado de cabazas e outras hortalizas

Parece a mais común e estendida das tradicións asociadas a esta celebración. Se o lume na lareira procura invitar ás ánimas amigas á compartir a mesa familiar, a cabaza tallada a xeito de caveira cumpre a misión de afastar ás dos inimigos que poden pretender a nosa desgraza. No seu orixe serían as caveiras reais dos inimigos mortos en combate, substituídas, séculos despois, por melóns, nabos ou cabazos, baleirados do seu contido e tallados de xeito que provoquen o maior medo posible.

Segundo os estudosos esta tradición está presente, con nomes diferentes, en toda Galiza: calacús nas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense, etc. Os inmigrantes irlandeses levaron esta tradición aos USA, nas emigracións masivas da Gran Fame irlandesa. E foron eles quen espallaron a tradición de tallar os “jack-o'-lantern”, que inspiraron a lenda de “Jack o Lambefoula” e os seus netos ou bisnetos, os que no la trouxeron de volta coma se fora algo novo.


Disfraces

Esta é a parte de orixe mais claramente alleo. Galicia ten a súa propia festa do exceso, a provocación e o disfrace, o entroido, que é unha festa de comezo da primavera e do rexurdimento da vexetación, ben afastada desta. Posto que o cerne do Samaín galego son as ánimas dos mortos que retornaban ás súas casas para visitar os familiares vivos, nin as bruxas, nin os demos ou zombis, pintan nada no imaxinario desta festa, todo o mais as pantasmas, coa cara tapada ou emborrallada coma no magosto, festa que, por certo, ten bastante proximidade con esta. E dende logo nada de morcegos, arañas, bufos, ou outros animais semellantes, respectados no rural polos seus evidentes beneficios, e satanizados nesta absurda pantomima do Halloween comercial.


Truco ou trato

Tamén a tradición de iren a pedir lambetadas polas portas semella moi presente en Galiza. Por exemplo os rapaces na Illa de Arousa van pedir polas rúas, por casas e comercios, unhas esmolas "polos defuntiños que van alá", e reciben doces, chocolates, moedas ou pans trenzados para a ocasión. Rafael Loureiro recolle tamén a tradición da rexión de Coimbra (Portugal) na que os nenos coa cara pintada de negro recorrían as casas pedindo lambetadas con este cantar:

“Bolinhos e bolinhós
para mi e para vos
para dar aos finados
que estâo mortos e enterrados.

A vela, bela cruz, truz, truz
A señora que está ala dentro
sentada nun banquinho
faz favor de vir cá fora
prá nos dar un tostaozinho.”

Se a resposta era positiva, contestaban eloxiando á casa e os seus habitantes:

“Esta casa cheira a broa,
aquí mora xente boa;
esta casa cheira a viño,
aquí mora algún santiño.”

Pola contra, se non lle daban o apetecido, ou os botaban de mala forma, cantaban:

“Esta casa cheira a alho,
aquí mora algún bandalho;
esta casa cheira a unto,
aquí mora algún defunto.”

viernes, 14 de octubre de 2016

POLAFÍAS: DO NEOLOXISMO AO PROXECTO


Por Manoel da costa



Fía en Forcarei (Pontevedra) en 1951. Fotografia de Manuel Barreiro Ouro


Polafía. Unha definición

O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) define neoloxismo coma palabra ou expresión de creación recente nunha lingua [ou collida prestada, desde hai pouco, doutra lingua].

A palabra Polafía, concretamente, é unha afortunada invención da Sección de Literatura de Tradición oral da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, que pretende reunir nun único termo o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras coma as polavilas típicas dos Ancares, a Fonsagrada e o Courel, as fías, fiadas, fiandóns, e fiadeiros propias nas zonas de cultivo do liño, as ruadas de Bergantiños, As Mariñas e Compostela, e os seráns do Condado, Val da Louriña, Val Miñor, Val do Fragoso, etcétera. Desaparecidas moitas das orixes que xeraron estes rituais de celebracións, convivencia e transmisión da cultura oral, cumpría por en marcha un novo marco lúdico, onde dar acubillo aos contos, os romances, as coplas, as músicas e os bailes populares do noso valioso patrimonio galego de tradición oral, que doutro xeito sería devoradas polo esquecemento. E as Polafías da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), son, precisamente, ese marco lúdico.

Proxecto Polafías da AELG

Ese sentido ten o proxecto Polafías, coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, da citada AELG: servir de canle para o encontro entre xeracións, que permitan compartir as manifestacións da cultura popular de transmisión oral mediante un espectáculo de contos, coplas, romances e cancións que nace dos veciños para os propios veciños, na procura do mantemento da cultura oral mediante e o uso das novas canles de comunicación, internet e as redes sociais.

O formato das polafías require, coma comenta a AELG na súa WEB, a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais.

Emporiso nesa concepción son as veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas das narración, os cantos e bailes, os que xenerosamente transmiten o seu saber. En grande medida aprendemos por imitación; un instrumento se aprende a tocar mirando como o tocan os demais, un conto apréndese a contar escoitando coma o conta outro, as xeracións mais novas aprenden dos maiores mais engadíndolle cousas da súa propia identidade e do tempo no que viven, mesturando o propio co dos demais en plano de igualdade, non esquecendo o propio. Deste xeito a cultura popular manterase viva, non coma un obxecto arqueolóxico que compre manter illado nos andeis dos museos, senón como algo actual, fermoso e útil.

En palabras do propio Antonio Reigosa, naquelas familias na que se mantivo a convivencia e o amor á cultura popular como sinal de identidade, non hai problemas de transmisión da cultura propia entre xeracións. O problema son as familias nas que, ben sexa por razóns de afastamento físico ou ideolóxico, existe esta ruptura na transmisión da cultura propia, que xera vergonza do propio, que se entende inferior ao alleo, e o abandono da nosa identidade.

Ata o de agora se celebraron mais de trinta polafíasque están debidamente documentadas para a súa maior difusión no seguinte enlace:

miércoles, 5 de octubre de 2016

OS CANTOS DE LABOR



Os cantos de labor son, entre o distintos tipos de canto popular, a mais enxebre das mostras de comunicación oral. Se os romances, as coplas, ás cántigas, podemos difundilos por escrito, os cantos de labor perden toda a súa forza, condición e sentido cando os separamos do traballo mesmo ao que acompañan.

Os cantos de labor adoitan ser de rítmica moi sinxela, axeitada ao tipo de traballo que se executa, cantadas, normalmente sen acompañamento melódico, polas persoas que realizan tarefas físicas repetitivas. Os motivos principais destas cancións son, en primeiro lugar a de sincronizar o movemento físico das persoas que realizan os traballos, e en segundo lugar o de reducir o aburrimento ao realizar ditas tarefas. En moitas ocasións a letra se improvisa cada vez que é cantada, alternándose no canto homes e mulleres, enchendo os versos con dobres sentidos, e mesmo con procacidades para requirir á complicidade das mozas. Esta estrutura non existe, coma é lóxico, nos cantos de traballo dos mariñeiros, pedreiros, canteiros, arrieiros, etc. nos que a presenza da muller é moi escasa ou inexistente.

Na actualidade, por diversas razóns sociais, económicas e culturais, é difícil escoitar algún canto de labor, coma os cantos de arada, de arrieiro, de seitura ou cantos de arrigar, cantos de mallar, cantos de ripar, mazar ouespadelar o liño, cantos de bater o leite, etc.

A peza que podedes escoitar no vídeo pertence á actuación de O Fiadeiro o 20 de novembro de 1999 no teatro Afundación de Vigo, e ten por título “Añas e xota de Aboal (Mondariz)”. As “añas” ou “cantares de aña” son un tipo de canto de labor cuxa práctica permaneceu viva ata ben pouco no sur da provincia de Pontevedra, nos concellos de Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Ponteareas, O Covelo e Mondariz. A que interpreta O Fiadeiro, procede de Aboal, ben preto de Mondariz, e pon en escena o costume de celebrar o fin da tarefa colectiva de sachar unha leira con baile. O home da casa, á que pertencía a leira, portando un ramo de loureiro ornamentado, bailaba con cada unha das sachadoras ao ritmo producido polo bater duns seixos contra da folla de metal dos sachos cos que se fixera o labor. Neste caso o canto faise unísono, en troques de reproducir a estrutura descrita de mulleres e homes alternándose.

Para o acompañamento das añas a ferramenta sostense coa man esquerda preto da súa folla, co mango case horizontal e cara atrás, mentres a man dereita suxeita o seixo co que se bate na folla. A man esquerda move a ferramenta lixeiramente arriba e abaixo seguindo o compás imposto polos golpes da pedra na folla da ferramenta.

domingo, 25 de septiembre de 2016

XV Xornada de Portas Abertas (24 de Setembro de 2016)


Onte se desenvolveu a Xornada de Portas Abertas da ACF O Fiadeiro. En primeiro lugar na aula de baile da nosa sede da Rúa Xesús Fernández, 3, baixo, en Vigo, Miguel Souto e Sergio Cobos nos relataron polo miúdo o complexo proceso polo que unha recollida, neste caso a feita en  Riamonte, un pequeno pobo do Concello de Cervantes na provincia de Lugo, nos anos noventa, se enriquece e elabora antes de chegar a ser representada nun escenario.

O entusiasmo e as abundantes anécdotas que Miguel e Sergio relataron, conseguiron que a audiencia que ateigaba a aula, e na que abundaban os cativos, pasara unha hora moi divertida a mais de interesante. Para rematar esta primeira parte proxectaron o audiovisual “Riamonte; da recollida ao escenario” que pon en música e baile a explicación deste proceso.




De contado saíuse ao exterior para a Aula de baile tradicional na rúa, impartida Sergio Cobos e amplamente gozada por todos, da que deixamos estas testemuñas gráficas.
Máis fotografías: Galería

lunes, 27 de junio de 2016

AMPLIACIÓN DO PRAZO DE PREINSCRICIÓN. (1 de xullo)

Amplíase o prazo solicitar a admisión na Escola O Fiadeiro para o curso 2016/2017 ata o venres 1 de Xullo.


- Preinscrición: ata o 1 de Xullo

- Publicación do listado de solicitantes admitidos e excluídos: 8 e 9 de Setembro (en función do número de prazas e orde de inscrición)

- Publicación dos horarios provisionais: 8 de Setembro.

- Período de matrícula ordinaria: do 8 ao 16 de Setembro.

- Publicación dos horarios definitivos: 19 de Setembro.

- Período de matrícula extraordinaria (para especialidades con prazas vacantes e/ou alumnado que non tivera realizada a inscrición): do 19 ao 23 de Setembro.

Descarga o modelo de solicitude na ligazón que se mostra a continuación:

jueves, 16 de junio de 2016

OFERTA DE EMPREGO DO NOVO POSTO A CREAR AO ABEIRO DO PLAN MUNICIPAL DE EMPREGO 2016

A Asociación Folclórica O Fiadeiro ofrece a posibilidade de optar a presentarse para cubrir o posto de traballo temporal que se relaciona a continuación, cunha duración mínima de 3 meses, e máxima ata fin de obra ou servizo :

MONITOR PANDEIRETA E CANTO POPULAR ( 1 postos )
Titulación : Non requerida
Tarefas a desenvolver e coñecementos requeridos: Docente de pandeireta e canto popular para nen@s e adultos. Coñecemento  da cultura e folclore tradicional e demostrable na área a impartir.


REQUERIMENTOS PARA O POSTO OFERTADO:
-          Que estean empadroados no Concello de Vigo antes do 01/01/2015
      Inscritos como demandantes de emprego no SPEG.
      Posuir o perfil para o posto solicitado
-          

OUTROS REQUISITOS:
      Que teñan experiencia no posto

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:
Soamente se valorarán curriculums, achegados vía correo eléctrónico a seguinte dirección, teso.ofiadeiro@gmail.com

PRAZO LÍMITE :  23 DE XUÑO DE 2016.


                                                                                               A XUNTA DIRECTIVA.

miércoles, 15 de junio de 2016

NOVA ACTIVIDADE! OBRADOIRO VOCAL



Neste próximo curso 2016/2017 iníciase a actividade do Obradoiro Vocal da Escola O Fiadeiro. Un espazo para desenvolver as capacidades técnico-vocais e de traballo do repertorio coral, así como para a creación dun coro xuvenil/senior.



As aulas estarán organizadas cunha hora de clase de formación vocal e outra hora de ensaio co coro. Se o alumno ha de asistir a ambas partes ou só a unha delas será en base ao criterio do profesor.


Se estás interesado en participar, podes facelo realizando a preinscrición antes do 24 de xuño. Na seguinte ligazón tes toda a información:




Bruno Díaz


Graduado Superior en Musicoloxía e en Instrumentos da Música Tradicional e Popular Galega, e Máster de Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo.



Ademais doutros colectivos, é director do Coro de Cámara Rías Baixas e foi director do Coro Xove de Vigo. Fixo cursos de dirección coral da man de Basilio Astúlez, Maite Oca, David Azurza, Esteban Urzelai, Carlo Pavese, Marco A. García de Paz e Gabriel Baltés. A súa experiencia coral en coros como o Collegium Compostelanum, o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coro Gaos permítenlle chegar ao eido da dirección despois de traballar con Maximino Zumalave, Fernando L. Briones, Joan Company, Víctor P. Pérez, Tom Koopman ou Lorin Maazel, entre outros.

viernes, 10 de junio de 2016

Festival fin de curso 2015/2016 O Fiadeiro (Sábado 25 de Xuño de 2016)



A partir das 18.00 todas as disciplinas da nosa escola farán unha pequena representación de parte do aprendido durante o curso.
Pasaremos un bo rato disfrutando das actuacións.

Día: Sábado 25 de Xuño de 2016
Hora: 18.00
Lugar: AAVV. de Santa Mariña de Cabral (Vigo)

Actuación d@s alumn@s de baile moderno na AVV Santa Mariña de Cabral (Sábado 18/06/2016)

Mañá sábado @s nos@s alumn@s de baile moderno actuarán en Cabral na Asociación de veciños Santa Mariña ás 19.00.

Entrada de balde


Colaboración da Escola O Fiadeiro no 2º Festival Ladesol no Colexio Mariano (Venres 10 de xuño de 2016)




Día: Venres 10 de xuño de 2016
Lugar: Colexio Mariano (Vigo)
Hora: 19.00
Prezo entrada: 3,00 euros

miércoles, 1 de junio de 2016

PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO. CURSO 2016/2017

Ábrese o prazo solicitar a admisión na Escola O Fiadeiro para o curso 2016/2017.


- Inscrición: do 1 de Xuño ao 24 de Xuño.

- Publicación do listado de solicitantes admitidos e excluídos: 8 e 9 de Setembro (en función do número de prazas e orde de inscrición)

- Publicación dos horarios provisionais: 8 de Setembro.

- Período de matrícula ordinaria: do 8 ao 16 de Setembro.

- Publicación dos horarios definitivos: 19 de Setembro.


- Período de matrícula extraordinaria (para especialidades con prazas vacantes e/ou alumnado que non tivera realizada a inscrición): do 19 ao 23 de Setembro.

Descarga o modelo de solicitude na ligazón que se mostra a continuación:

miércoles, 25 de mayo de 2016

jueves, 21 de abril de 2016

Obradoiro de confección de enaguas (14 e 21 de maio e 4 e 11 de xuño)



O obradoiro de enaguas ten como obxectivo a confección da prenda paso a paso:



- Corte.

- O método para a confección de lorzas, marcaxe e cosido.

- Colocación de encaixes.


Tamén falaremos sobre o uso desta prenda no traxe tradicional, tendo en conta a época e a funcionalidade, e as prendas ás que substitúe.

Contaremos con material gráfico no que poderemos ollar diversas prendas de diferentes feituras e tecidos.

Non é preciso ter ampla experiencia en costura para asistir ao obradoiro.

+Info:

Impartido por Bego Martínez
Ubicación: ACF O Fiadeiro
Duración: 12h
Datas: 14 e 21 de maio e 4 e 11 de xuño
Horario: 10.30 a 13.30 
Prezo: 70€ (65€ socios)
Data límite de inscricións: 12 de maio
Inscricións e máis información: ambas vía email ou telefónica.
Vía email engadir nome e contacto telefónico.
ofiadeiro@ofiadeiro.com
629 585 355 / 986 253 585

martes, 12 de abril de 2016

Actuación no IV Festival de baile moderno no C.C.R. de Valladares (Domingo 22 de maio de 2016)


@s nos@s alumn@s participarán no IV Festival de baile moderno organizado pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo

Lugar: C.C.R, de Valladares
Hora: 18.00

Participan:


  • As Sereas
  • Flashdance
  • O Fiadeiro
  • Traspés

lunes, 11 de abril de 2016

OBRADOIRO DE TÉCNICA VOCAL (21 de maio)

Obxectivos


Aprender unha serie de recursos para correxir determinados erros de fonación e para optimizar e mellorar a nosa forma de cantar:

- Acadar dende o principio unha boa tonificación corporal, postura e respiración para poder proceder á fonación.
- Incorporar ao noso entrenamento os exercicios adecuados de quecemento da voz; vocalización …
- Obter coñecementos organolóxicos sobre o noso instrumento para unha boa visualización do que ocorre mentres cantamos, tendo en conta o tipo de voz e de calidade que empreguemos.
- Consellos sobre o coidado do noso aparello fonador.
- Entender a importancia da desinhibición e expresividade á hora de cantar.
- Saber aplicar os diferentes tipos e calidades de voz segundo o repertorio e tesitura. 
- Traballar a ornamentación a partir da relaxación bucofarínxea. 
- Importacia da respiración e o apoio para unha boa proxección e afinación. Aprender e interiorizar exercicios para tal fin.

Contidos

- Tonicidade e postura corporal. 
- A respiración e o apoio. 
- Organoloxía. 
- Vocalización e prequecemento. Preparándonos para cantar. 
- Proxección e calidades de voz. 
- Técnica e tesitura. 
- Desinhibición e expresión. 
- Ornamentación 
- Exercicios vocais grupais.




Material que deberán levar os participantes


- Roupa cómoda 
- Esterilla ou manta. 
- Material de escritura

+ Info:

Ubicación: ACF O Fiadeiro
Duración: 4 horas
Data e horarios: Sábado 21 de maio (16h-20h)
Prezo: 37€ (socios 32€)
Data límite de inscricións: 19 de maio
Inscricións e máis información: ambas vía email ou telefónica.
Vía email engadir nome e contacto telefónico.
ofiadeiro@ofiadeiro.com
629 585 355 / 986 253 585

jueves, 7 de abril de 2016

II CURSO DE ANÁLISE MUSICAL. Análise de cancións tradicionais (7 de maio)





Obxectivos

— Comprender as estruturas musicais das que se compón a canción tradicional.

— Coñecer algúns dos criterios máis empregados na descrición de repertorios musicais.

— Obter os coñecementos cos que acometer a descrición e clasificación iniciais da música tradicional.

— Obter unha comprensión máis profunda dos procesos creativos inherentes á interpretación tradicional (fundamentalmente a variación).






Contidos



— Faremos un breve repaso dos contidos aprendidos no curso de introdución e continuaremos coa práctica de análise de cancións escollidas, con exercicios específicos de cada bloque de análise (melódico, rítmico, formal…).

— Trataremos en máis profundidade a relación entre música e texto e as distintas formas estróficas postas en música. Analizaremos exemplos máis complexos desde o punto de vista formal.

— Falaremos da xerarquía dos elementos musicais empregados, que axudan á clasificación de melodías en casos dubidosos. 

— Examinaremos en máis detalle as posibilidades de variación dunha melodía, a capacidade de creación/variación-improvisación dos intérpretes e dos procesos musicais implícitos, en especial da música dos brindos do Leste de Galicia. 

—O traballo con partituras (que cantamos antes de analizalas) será ademais acompañado de audicións musicais. Os asistentes recibirán material extra de traballo e poderán aportar exemplos traídos por eles e dúbidas para considerar en grupo durante o curso.




Sergio de la Ossa

Madrid (1978). Etnomusicólogo, encargado desde 2007 dos arquivos de música tradicional do Museo do Pobo Galego (www.apoi-mpg.org). Mestre especialista en Educación Musical (USC, 1999) e no método Kodály (2010), docente no Instituto Kodály da Academia de Música Ferenc Liszt (Kecskemét, Hungría) entre 2011 e 2015. Ofrece regularmente cursos e conferencias, entre os que destaca a única de temática galega no WOMEX 2014. É co-autor do libro de baile tradicional galego “Así fan os bailadores” (Dos Acordes, 2009).



+ Info:


Ubicación:
ACF O Fiadeiro
Duración: 8 horas
Data e horarios: Sábado 7 de maio (10-14h e 16-20h)
Prezo: 45€ (socios 40€)
Data límite de inscricións: 5 de maio
Inscricións e máis información: ambas vía email ou telefónica.
Vía email engadir nome e contacto telefónico.
ofiadeiro@ofiadeiro.com
629 585 355 / 986 253 585

sábado, 2 de abril de 2016

Actuación de baile moderno en Cabral (Sábado 09 de abril de 2016)

@s alumn@s de baile moderno de O Fiadeiro participarán nun festival de baile moderno

Hora: 19.00
Lugar: AVV Santa Mariña de Cabral

viernes, 1 de abril de 2016

Actuación do Grupo de gaitas da escola na Reconquista de Vigo (Sábado 02 de Abril de 2016)

Actuación do Grupo de gaitas da escola na Reconquista de Vigo

Hora: a partir das 17.00
Lugar: animación por diferentes rúas e prazas do Casco Vello de Vigo

lunes, 14 de marzo de 2016

OFERTAS DE EMPREGO DOS NOVOS POSTOS A CREAR AO ABEIRO DO PLAN MUNICIPAL DE EMPREGO 2016

A Asociación Folclórica O Fiadeiro ofrece a posibilidade de optar a presentarse para cubrir os postos de traballo temporal que se relacionan a continuación, cunha duración mínima de 3 meses, e máxima ata fin de obra ou servizo :

1º MONITOR PANDEIRETA E CANTO POPULAR ( 1 postos )
Titulación : Non requerida
Tarefas a desenvolver e coñecementos requeridos: Docente de pandeireta e canto popular para nen@s e adultos. Coñecemento  da cultura e folclore tradicional e demostrable na área a impartir.

2º MONITOR BAILE MODERNO ( 1 POSTO )
Titulación : Non requerida
Tarefas a desenvolver e coñecementos requeridos : Docente de baile moderno  para ne@s e adultos. Coñecemento  da cultura e historia do baile en todas as súas disciplinas  e demostrable na área a impartir.

3º MÚSICA E MOVEMENTO ( 1 POSTOS )
Titulación : Non requerida pero valorable titulación  media ou superior de maxisterio e/ou especialidade de musical.
Tarefas a desenvolver e coñecementos requeridos:  Un posto para docente música e movemento para para nen@s  de 3 a 6 anos. Coñecemento da cultura e folclore tradicional e demostrable na área a impartir.

4º MÚSICA ANTIGA ( 1 POSTO )
Titulación : Titulación  media ou superior de maxisterio e/ou especialidade de músical.  Estudos ou titulación específica en música Antiga, mais concretamente Barroca.
Tarefas a desenvolver e coñecementos requeridos:  Un posto para docente música antiga e barroca ( con coñecementos en instrumento de zanfoña, traverso e gaita barroca ) Coñecemento da cultura e folclore tradicional e demostrable na área a impartir.


REQUERIMENTOS COMÚNS PARA TOD@S OS POSTOS OFERTADOS:
-          Que estean empadroados no Concello de Vigo antes do 01/01/2015
      Inscritos como demandantes de emprego no SPEG.
      Posuir o perfil para o posto solicitado
-          

OUTROS REQUISITOS:
      Que teñan experiencia no posto

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:
Soamente se valorarán curriculums, achegados vía correo eléctrónico a seguinte dirección, teso.ofiadeiro@gmail.com
PRAZO LÍMITE :  23 DE MARZO DE 2016.


                                                                                               A XUNTA DIRECTIVA.

lunes, 7 de marzo de 2016

Actuación dos alumn@s de baile e música tradicional O Fiadeiro na Aula Magna da Escola Oficial de Idiomas de Vigo (11 de marzo de 2016)


    Hora; 18.00

    Participan: ACF Tarambainas,
                      Escola de baile e música do Casco Vello
                      Escola de baile e música da ACF O Fiadeiro


martes, 23 de febrero de 2016

Presentación do libro-cd "Fíos do querer"


"Tecendo coas agullas máxicas do amor, dos bicos, aloumiños e fermosas primeiras experiencias compartidas e celebradas foi medrando FÍOS DO QUERER, resultando envoltorio agarimoso para xogar, cantar e bailar cos nenos de colo".

Estas verbas serven para presentar o traballo en formato Libro-cd de Cé orquestra pantasma, vintecatro sinxelas e agarimosas cancións para meniños e meniñas de 0 a 3 anos.


+ Info: 
Ubicación: ACF O FIADEIRO
Data e horario: Sábado 5 de marzo, ás 18h
Prezo: gratuíto

Tamén podes visitar a páxina da S. Coop. Galega Miudiño para máis información:

www.miudiño.com
629 585 355 / 986 253 585